Teresa Moure (Monforte de Lemos, Lugo, 1969) é unha das escritoras máis orixinais e versátiles da Galicia presente. Profesora na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, a súa dedicación á literatura abrollou a principios da pasada década e abrangue ámbitos complementarios e ben diversos.
Como narradora deuse a coñecer con A xeira das árbores (2004) ―Premio Manuel Lueiro Rey de Novela Curta e Premio Arcebispo San Clemente traducido ao español e italiano―, mais a súa confirmación no panorama literario galego veu da man de Herba moura (2005), título co que se alzou co Premio Xerais que pronto foi publicado en portugués, catalán, italiano, romanés, castelán e neerlandés. Tras desta viñeron aínda outras novelas, como Benquerida catástrofe (2007) , A intervención (2010), Uma mãe tão punk (2014) ―todas tres vertidas ao español― e, recentemente, Ostrácia (2015).
Autora de amplo rexistro, Moure cultivou a escrita infantoxuvenil en títulos como o imaxinativo A casa dos Lucarios (2007), o comprometido Eu tamén son fonte (2008) ―con versións en castelán e asturiano― e o emotivo Mamá, ti si que me entendes! (2009).
Poeta en Eu violei o lobo feroz (2013), dramaturga con Unha primavera para Aldara (2008) ―Premio Rafael Dieste e Premio María Casares― e mais Cínicas (2010), no seu haber figura tamén unha extensa nómina de ensaios sobre cuestións sociolingüísticas, entre os que se contan Outro idioma é posible. Na procura dunha lingua para a humanidade (2005) ―Premio Ramón Piñeiro―, A palabra das fillas de Eva (2005) ―traducido ao español―, O natural é político (2008), Ecolingüística: entre a ciencia e a ética (2011), Queer-emos un mundo novo. Sobre cápsulas, xéneros e falsas clasificacións (2012)―outra volta Premio Ramón Piñeiro― e Politicamente incorreta (2014).
Camaleónica, incisiva e perturbadora, a escrita de Moure aposta pola Revolución, a superación dos clixés preestablecidos, a asunción da ecoética, a ecolingüística, a equidade de xénero, o Eros político e o triunfo da estética do libérrimo.