Xavier Queipo (Santiago de Compostela, 1957), licenciado en Bioloxía e Medicina, vive dende hai anos en Bruxelas, onde traballa nun organismo pertencente ao goberno da Comunidade Europea.
Membro do Centro PEN Galicia e o PEN Club de Flandres, da directiva da Asociación de Escritores en Lingua Galega e a Comisión de Exteriores do Consello da Cultura Galega, estreouse como narrador con Ártico e outros mares (1990) ―Premio da Crítica Española―, tras do que viñeron novos títulos entre os que destacan O paso do noroeste (1996) ―Premio García Barros―, O ladrón de esperma (2001) ―Premio Café Dublín―, Extramunde (2011) ―Premio Xerais e Arcebispo San Clemente― ou, recentemente, Os kowa, co que gañou o Premio Blanco Amor en 2015.
Poeta, ensaísta e autor infantoxuvenil, Queipo é tamén un importante tradutor e mercé aos seus oficios hoxe poden lerse en galego obras de Amin Maalouf, Hervé Guivert, Joseph Conrad ou James Joyce. Precisamente unha cotradución súa deste último, o Ulises, foi distinguida co Premio Nacional de Tradución do Ministerio de Cultura de España no 2014.
Colaborador habitual en prensa e mais radio e membro do Dichterscollectif van Brussel, os textos de Queipo antologáronse e vertéronse a diferentes idiomas e algúns dos seus poemas foron obxecto de performances e recitacións en diversos festivais e foros europeos.
A escrita de Queipo caracterízase por incorporar ás súas tramas ambientes e escenarios universais, que localizan a acción nos máis remotos lugares. Creador de mundos ben suxestivos onde os personaxes viven aventuras apaixonantes, é tamén destro na caracterización psicolóxica destes e na descrición de contornas e sucesos que fan da súa unha prosa dúctil e porosa que se deixa ler con sumo agrado.