Evento: Las ideas
Las ideas
Un artista e o seu colaborador traballan no estudo deste último levando a cabo diferentes proxectos artísticos. O que parece ser o encontro informal entre dous amigos convértese paulatinamente nunha intensa xornada creativa. A obra ten lugar sobre unha mesa de ping-pong desordenada que o artista e o seu colaborador utilizan como mesa de traballo. Alí tamén se proxecta o escritorio dun ordenador. Podemos ver rexistros de ensaios, material de outros proxectos en diferentes estados creativos, ideas para futuras obras, ideas que se lles ocorren no momento e que se van incorporando, e tamén outras que se descartaron e están tiradas no lixo do ordenador. Sobre a mesa de ping-pong, artista e colaborador teñen un constante intercambio – un ping-pong – de ideas e teorías. O espectador é convidado a seguir este proceso desde dentro e en tempo real: como xorden as ideas; que mecanismos se activan para poñelas en práctica; hipóteses e teorías son a súa vez analizadas, observadas e confrontadas. Todo aquilo que o espectador ve transfórmase en material posible para unha obra. Ás veces custa diferenciar que forma parte das súas vidas e que da experiencia artística. Por un momento podemos entrar na cabeza dun artista e mergullarnos nas súas ideas a través do seu ordenador. Vemos como escribe, borra, corrixe e navega por internet. Coñecemos os seus arquivos, a súa forma de asociar, o seu modo de ordenar, organizar e tamén de desordenar. O ordenador convértese nun personaxe máis. As ideas traballan os límites entre realidade e ficción. Pon en escena a intimidade dun proceso de creación. Trátase dun proceso similar ao que Federico León (autor e director) podería atravesar nas súas obras xunto a Julián Tello (actor e colaborador). As ideas poderían ser as súas ideas pero non son necesariamente as súas ideas. Eles son eles pero ao mesmo tempo fan de si mesmos.
Más eventos de tipo Espectáculo