Nova: 'Os sons do vento que pasa' fai parada en Ribeira, en Ames e na Bola, no marco da programación do 'Falaredes 2014' de Cultura e Educación

10/07/2014

'Os sons do vento que pasa' fai parada en Ribeira, en Ames e na Bola, no marco da programación do 'Falaredes 2014' de Cultura e Educación

Durante estes días o concerto de fados en galego interpretados por Gonçalo Guerreiro, a xincana lingüística ‘Augalingua’ e o concurso infantil ‘Os Bolechas e o Sabichón’ visitarán Toques, Pontecesures, Abegondo, A Cañiza e Celanova

  • A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa estes días en Ribeira, en Ames e na Bola o concerto de fados en galego ‘Os sons do vento que pasa’ A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa estes días en Ribeira, en Ames e na Bola o concerto de fados en galego ‘Os sons do vento que pasa’

Santiago, 10 de xullo de 2014.- A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria programa estes días en Ribeira, en Ames e na Bola o concerto de fados en galego ‘Os sons do vento que pasa’. Trátase da nova actividade de verán do programa de dinamización lingüística FalaRedes 2014, que chega desde a Secretaría Xeral de Política Lingüística aos concellos adscritos á Rede de Dinamización Lingüística (RDL) da Xunta de Galicia.

Canda ‘Os sons do vento que pasa’ chegarán durante estes días a xincana lingüística Augalinga e o concurso infantil ‘Os Bolechas e o Sabichón’ ás localidades de Toques, Pontecesures, Abegondo, A Cañiza e Celanova.

Os sons do vento que pasa
A Praza de Compostela acollerá hoxe ao aire libre, a partir das 21 horas, o segundo concerto dos ‘Sons do vento que pasa’, que o 29 de xuño abriu en Ortigueira a xira que ata finais de ano o levará a 36 localidades da RDL, cuxa veciñanza poderá gozar da música en galego a través dunha coidada proposta na que Gonçalo Guerreiro pon a voz e que Dani Pais enriquece coa súa participación dixital e musical. Como sempre en FalaRedes, a entrada é libre e de balde.

As cantigas, acompañadas de guitarra eléctrica e de pedal de loops, así como de sedutores xogos de iluminación, conservan o seu encanto orixinal, pero gañan unha dimensión contemporánea que seduce tanto os mozos coma os non tan mozos. Deste xeito, o espectador mergulla nun universo rítmico e melódico que viaxa do divertimento á nostalxia, do rock á canción de amor, do pop á música tradicional, sen deixar nunca de ser fado.

Esta proposta de lecer en galego chegará mañá ao concello coruñés de Ames, ás 21:30 horas no xardín do Pazo da Peregrina de Bertamiráns, no marco do Festival de verán que organiza este concello. O domingo será a quenda da localidade ourensá da Bola, ás 20:00 horas, na Área Recreativa.

Actividades para a xente miúda
Quen tamén proseguen percorrendo os concellos da RDL da man do FalaRedes 2014 son as actividades infantís ‘Augalingua’ e ‘Os Bolechas e o Sabichón’. A xincana lingüística estará mañá a partir das 11:00 horas na piscina municipal da vila coruñesa de Toques, tras facer o luns as delicias da rapazada da localidade pontevedresa de Pontecesures.

Pola súa banda, o concurso protagonizado polos famosos bonecos aterrará mañá no concello coruñés de Abegondo (ás 20:30 horas no Centro Cultural O Salón), o sábado no pontevedrés da Cañiza (ás 18:00 horas no Auditorio da Casa da Cultura) e o domingo no ourensán de Celanova (ás 20:00 h no Auditorio Municipal Ilduara).

Con ‘Augalingua’, os rapaces de 6 a 12 anos achéganse ao galego durante o seu tempo de lecer nas piscinas municipais ou praias fluviais dos seus municipios, onde participan en grupo nunha divertida xincana que combina xogos de lingua con probas de habilidade e rapidez, ligando a imaxe do idioma á diversión e aos xogos.

En ‘Os Bolechas e o Sabichón’, os irmáns Braulio e Loli enfróntanse como líderes de senllos equipos e piden ao público que lles axude a venceren, de forma que os nenos e nenas de 4 a 8 anos demostran as súas habilidades lingüísticas e aprenden novas palabras da man dos seus personaxes favoritos, un referente positivo estreitamente asociado á nosa lingua.

150 sesións ata finais de ano
Ata finais de ano, FalaRedes chegará durante as fins de semana e os festivos á totalidade de concellos da RDL a través de cinco actividades con 150 sesións.

Xunto cos ‘Sons do Vento que pasa’, ‘Augalingua’ e ‘Os Bolechas e o Sabichón’, completan a programación desta terceira edición do programa a obra de teatro infantil-familiar ‘As fabas máxicas’, que en setembro retomará a súa itinerancia pola RDL, e o concerto infantil ‘Toc Toc’, que xa concluíu unha exitosa xira na que máis de 5.000 persoas gozaron coa música en galego de Pablo Díaz e a súa banda.

Toda a información sobre FalaRedes 2014 no web institucional da Secretaría Xeral de Política Lingüística www.xunta.es/linguagalega/falaredes_2014 e nas redes sociais.

Comparte