Nova: A Xunta abre o proceso de participación cidadá na elaboración do Plan Integral para a Danza de Galicia
01/03/2021
A Xunta abre o proceso de participación cidadá na elaboración do Plan Integral para a Danza de Galicia
A través da web da Agadic activouse un formulario no que se poderán realizar achegas nun prazo de 20 días naturais
O plan busca darlles resposta aos principais retos do sector galego da danza, da man dos seus profesionais e de xeito compartido, participativo e transparente
Santiago de Compostela, 1 de marzo de 2021.- A Xunta vén de abrir o proceso de participación cidadá na creación do Plan Integral para a Danza de Galicia, co que se pretende dar resposta aos principais retos do sector, así como sentar a base para o desenvolvemento de actuacións e medidas de mellora consensuadas. Deste xeito, a web da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) publica hoxe un formulario participativo a través do que todas as persoas interesadas poderán realizar suxestións sobre o sector cultural da danza nun prazo de 20 días naturais contados a partir de mañá.
Esta medida responde ao obxectivo da Consellería de Cultura, Educación e Universidade de activar un proceso compartido, participativo e transparente tanto con todos os axentes do sector como coa cidadanía. Con este fin, creáronse xa grupos de traballo temáticos e representativos dos diferentes ámbitos da danza en Galicia, como son a creación e produción, a distribución e promoción ou a formación.
Asemade, activouse un equipo de coordinación constituído por representantes da administración, artistas, festivais, compañías, espazos públicos e privados. O seu cometido é determinar as actuacións necesarias para adecuar a danza ás necesidades reais do contexto galego, e fixar estratexias conxuntas que melloren a situación futura.
Unha vez recollidas as achegas previas da cidadanía a través do formulario activado hoxe, manteranse os encontros dos grupos de traballo coa previsión de dispoñer dun primeiro borrador do Plan no outono, que se abrirá novamente á participación cidadá a través do prazo de alegacións, e aprobar o documento a finais deste ano. Unha vez creado, realizaranse revisións periódicas, xa que nace cunha clara vontade de renovación para actualizar os seus obxectivos á realidade cultural de Galicia e do mundo.
Pulo á investigación, ao talento e á colaboración
Coa creación do Plan Integral para a Danza, a Xunta quere difundir os recursos existentes do sector e coñecer as súas potencialidades, impulsando a investigación e a reflexión sobre esta arte. Búscase tamén apoiar o talento e o proceso creativo con todos os medios posibles, así como fortalecer a industria cultural e potenciar o sector académico e formativo. Entre os seus obxectivos figuran tamén estender a produción, distribución e difusión da danza en Galicia, fomentar a súa presenza fóra da Comunidade e propiciar medidas que favorezan a colaboración entre as administracións e cos axentes do sector.