O conxunto de rutas dos Camiños de Santiago está constituído por vías de dominio e uso público, o territorio que o define e os seus elementos funcionais, que son os que forman parte da súa fisionomía (como peches, muros, cómaros, valos, pasos, pontellas, pontes, fontes, lavadoiros ou espazos similares), así como os destinados á súa conservación e servizo e os que sexan necesarios para o seu uso.
O uso preferente da traza dos Camiños é o de ser un sendeiro peonil, compatible coa súa utilización como vía ecuestre ou como vía para vehículos sen motor.
A delimitación oficial dos Camiños
A delimitación das rutas dos Camiños de Santiago apróbase mediante decreto do Consello da Xunta de Galicia, por proposta da persoa titular da consellería competente en materia de patrimonio cultural. Actualmente están delimitados o Camiño Francés, as rutas do Norte e o Camiño Inglés, ademais das diferentes alternativas no termo municipal de Santiago de Compostela.
Na súa caracterización defínense os trazados, tanto os principais (tramos históricos que permanecen en uso con características tradicionais); os de vestixios históricos (tramos históricos documentados que se perderon física ou funcionalmente); e os funcionais (tramos alternativos de carácter cultural, ambiental ou de seguridade para as persoas usuarias).
Tamén se define o ámbito xeográfico da implantación do territorio histórico, que inclúe os núcleos rurais tradicionais así como os bens inmobles declarados de interese cultural ou catalogados e, se é o caso, os contornos de protección que atravese. Non se inclúen aquelas zonas urbanas de crecemento e transformación recente sen valores culturais. Pode definirse a súa zona de amortecemento (na actualidade, só no Camiño Francés) e a relación de bens inmobles de valor cultural asociados no ámbito do territorio histórico.