É na riqueza ambiental e paisaxística das illas onde arrinca a súa forza evocadora. Nada sería o mesmo sen os seus xardíns, sen os paseos ao redor da capela de San Simón, os castiñeiros de indias ou as tileiras dos Balcáns. Ese mesmo mar que levou os monxes, os corsarios, os galeóns españois ou os buques en corentena a visitar este arquipélago, axudou tamén a recalar nel exóticas especies procedentes das terras de ultramar, conformando un arborado colonial que hoxe se alza orgulloso para demostrar a influencia que o intercambio cultural ten tamén na súa flora.
Incluso no período de abandono da illa, no que se viu invadida por plantas silvestres que medraban sen control, conferíndolle un aspecto selvaxe que nunca tivera nos seus tempos de lazareto, contribuíu a enriquecer a súa diversidade. Iso si, grazas a un profundo proceso de recuperación dos espazos exteriores e axardinamentos orixinais no que se controlou a expansión de especies invasoras e se realizaron novas plantacións para enriquecer a diversidade xa existente.
Palmeiras canarias mestúranse con castiñeiros de Indias, carballos, acacias, eucaliptos, cedros do Atlas, aligustres chineses e camelias xaponesas. Especies autóctonas e foráneas en total harmonía presididas polo gran emblema de San Simón, o impresionante Paseo dos Buxos, que recibe ao visitante coa súa bóveda centenaria. Este mesto tránsito vexetal percorre a parte meridional da illa polo seu eixo central, entre a capela e o miradoiro Boca da Ría.
San Simón tamén acolle unha pequena horta e zona de viveiro para favorecer o recoñecemento de especies de cultivo e árbores froiteiras chegados no seu día doutros lugares do mundo, como é o caso da pataca, o millo ou o kiwi, e que influíron en maior ou menor medida nas paisaxes agrícolas de Galicia.