José López Campos
Como conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude quero darlles a benvida a este espazo web do portal de Cultura da Consellería.
Asumo o reto de xestionar esta nova consellería que simboliza o que fomos, o que somos e o que seremos con enormes doses de ilusión, compromiso e responsabilidade. Na área de cultura este desafío é aínda se cabe máis especial, xa que podemos afirmar sen equivocarnos que a riqueza dun pobo reside na súa cultura, un elemento que nos cohesiona e define como sociedade.
Ademais do simbolismo, a cultura é tamén un sector económico estratéxico que constitúe e xera riqueza dando emprego a moitas familias e que debemos seguir impulsando e fortalecendo para contribuír o benestar social e económico.
Non partimos de cero, pois contamos coa sabedoría e o bo facer da tradición herdada e co bo momento que atravesa o sector, que actualmente representa máis do 3% do noso Produto Interior Bruto.
O que imos poñer en marcha é un proxecto asentado na transversalidade, a innovación e o benestar para, poñendo a Galicia no centro, conseguir que todos os galegos e galegas esteamos cada día máis orgullosos da nosa cultura, a nosa lingua e e a nosa xuventude.
Coa seguridade de que xuntos avanzaremos con éxito neste gran proxecto colectivo, envíolles o meu saúdo máis cordial.
José López Campos
Conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude