Laxeiro é unha figura central da cultura galega do século XX pola súa achega á renovación e á vangarda nas artes. O seu impacto no mundo da creación artística, 25 anos despois do seu falecemento, segue a ser incuestionable, tanto dentro como fóra das nosas fronteiras. Pero a pegada de Laxeiro non só se circunscribe a este ámbito. O artista lalinense conseguiu a aprobación popular dos galegos máis alá do ámbito pictórico e académico.
Baixo esta premisa, e con motivo de ser protagonista no Día das Artes Galegas de 2022, a Xunta de Galicia porá en marcha unha programación especial para difundir a súa obra e o legado en colaboración coa Real Academia Galega de Belas Artes Nosa Señora do Rosario (RAGBA), o Concello de Lalín e outras entidades culturais.
Nado en Lalín en 1908
José Otero Abeledo (Lalín, 1908 – Vigo, 1996), coñecido como Laxeiro, foi un dos maiores expoñentes da vangarda artística galega.
Co seu inconfundible trazo, este lalinense universal levou a esencia de Galicia polo mundo, converténdose nun referente das nosas artes plásticas. Desde os seus inicios, Laxeiro estivo influenciado polo rural no que naceu e pasou a súa infancia.
O pintor soubo absorber a cultura popular galega e transformala nunha obra innovadora que irá perfeccionando ao longo dos anos.
Os seus traballos encadraranse no grupo dos Renovadores, aínda que o relato de vida e as influencias de Laxeiro farán que gocen dun estilo único e inconfundible.
Despois de residir en diferentes cidades españolas, nas que irá evolucionando artisticamente, nos anos cincuenta recalará en Bos Aires, onde fixará a súa residencia ata 1970. Este será o seu período de maior estabilidade profesional, no que experimentará con novos estilos e linguaxes. Á súa volta a Galicia sucederanse as homenaxes e recoñecementos. Laxeiro gozará dun merecido prestixio ata o seu falecemento en 1996.