A Xunta de Galicia conmemora este ano o centenario do nacemento de María Casares cunha programación diversificada e plural que incluirá proxectos vinculados á escena, ao audiovisual e á arte, así como do eido editorial. Entre os obxectivos estará o de crear un proxecto ligado ao teatro, da man do Centro Dramático Galego (CDG), coa colaboración de diferentes institucións, tanto de Galicia como doutros territorios, para favorecer a visibilidade internacional da artista coruñesa.
Con esta programación, que se enmarca no compromiso da Xunta de Galicia por seguir poñendo en valor esta artista, o Goberno autonómico quere promover o traballo de María Casares tanto dentro como fóra da comunidade, e afondar no seu legado.
Nada na Coruña en 1922
María Victoria Casares Pérez naceu na Coruña o 21 de novembro de 1922 e finou en Alloue (Francia) o 22 de novembro de 1996. Foi unha actriz galega de teatro e cinema que triunfou en Francia, onde residía como exiliada por ser filla de Santiago Casares Quiroga, que fora ministro da Segunda República española durante o goberno de Azaña. Protagonizou varias obras escritas por Camus e representou obras de Sartre, Jean Anouilh, Jean Cocteau, Genet e Claudel, chegando a converterse en musa do existencialismo francés.
Nos seus primeiros anos como actriz desenvolveu unha intensa actividade no mundo do cinema. Tanto é así, que só entre 1945 e 1951 participou nunha ducia de títulos, varios deles convertidos hoxe en día en clásicos da historia do cine: desde unha das películas máis populares da Francia da posguerra, Les enfants du paradis (Marcel Carné, 1945), a producións de gran prestixio como Les dames du Bois de Boulogne (Robert Bresson, 1945); ou poñendo voz á curtametraxe Guernica (Alain Resnais, 1951).
Sobre estas películas, o Diccionario del cine iberoamericano (SGAE, Fundación Autor, 2011) afirma: “Casares é capaz de converter a súa profunda dor e desgarramento vital en creativa materia prima para dar forma a papeis nos que, malia as súas indiscutibles diferenzas, semella latir idéntica melancolía, similar dor do desexo, ben se escore este cara á acción e a vinganza, ben cara á forzosa pasividade ou o xeneroso desprendemento final".
A partir de 1949, a súa carreira foise centrando no teatro. Entra na Comédie Française e cinco años más tarde no Teatro Nacional Popular, un proxecto teatral concibido como servizo público. Ademais, foi unha das impulsoras do Festival de Aviñón. Participou en xiras por todo o mundo, aparecendo en grandes clásicos do teatro francés. En 1957 realizou unha xira co Teatro Nacional Popular por Sudamérica, durante a cal foi homenaxeada polos exiliados galegos (como Eduardo Blanco Amor, Rafael Dieste, Luís Seoane, Laxeiro etc.).
Foi nomeada Filla Predilecta polo Concello da Coruña en 1984, recibiu a Medalla de Ouro ao Mérito das Belas Artes de España en 1988, e ese mesmo ano recibiu a Medalla Castelao da Xunta de Galicia. En 1996, María Casares aceptou que os premios de teatro de Galicia levasen o seu nome, mais faleceu antes de que puidese celebrarse a primeira edición.