A exposición Pergamiño Vindel, un tesouro en sete cantigas é unha ocasión única para coñecer de primeira man o célebre documento que recolle as sete cantigas de amigo de Martín Códax coa melodía de seis delas. O manuscrito, eixo desta mostra, acompáñase de máis de 50 pezas de diferente natureza, entre as que se inclúen esculturas en pedra e en madeira, pinturas contemporáneas, restos arqueolóxicos e outros documentos, para trasladar o público á época medieval na que se desenvolveu a tradición lírica galego-portuguesa.
Inspirado polas setes cantigas de Martín Códax, o discurso expositivo artéllase noutras tantas partes, de xeito que cada unha das composicións serve de fío condutor para viaxar ata o tempo de Martín Códax e para se achegar á sociedade e á cultura da época.
Consulta a galería de imaxes da mostra Pergamiño Vindel. Un tesouro en sete cantigas aquí.
Baixo o verso “E ai Deus, se verra cedo”, preséntase a primeira sección da mostra, na que se inclúen pezas tan singulares como un fragmento do coro pétreo compostelán do mestre Mateo, xunto con varias reliquias vinculadas co Camiño de Santiago, importante non só polo seu papel na relixión senón como vía de entrada das correntes europeas.
A segunda sección, “Ca ven san’ e vivo e d’ el rei amigo” afonda nos símbolos e nas funcións do poder temporal, nomeadamente a través da figura do monarca, con diversos documentos, como o pergamiño no que Fernando IV de Castela ratifica os privilexios da Igrexa de Santiago. Tamén se salienta o papel do clero secular e regular, con elementos coma o vestiario cerimonial do bispo de Mondoñedo.
Outros espazos permiten coñecer aspectos como o día a día da xente no medievo. A terceira sección, “Mia irmana fremosa”, céntrase no espazo familiar e na vida cotiá, con elementos como unha vaixela da época ou parte dun enxoval. Tamén está presente o tema do amor, terreal e espiritual, no apartado “E vou namorada”.
A inspiradora e xubilosa exclamación da cantiga V “E bañar nos emos nas ondas” centra a quinta sección da mostra, inspirada no papel da paisaxe como símbolo rexenerador e erótico, cunha lírica propia.
O espazo do templo e do seu adro cobran protagonismo no apartado que leva por “Eno sagrado, en Vigo”. Este remite á igrexa e ao seu terreo como lugar tanto de celebracións relixiosas coma de festas profanas, a través das imaxes de Santiago e o Crucificado de Vilanova dos Infantes.
Todos estes pasos levan ata a parte final, “Por que tarde meu amigo sen min”, presidido polo Pergamiño Vindel, en convivencia con varias pezas do seu descubridor, o libreiro Pedro Vindel, e baixo a paisaxe pictórica de Urbano Lugrís, coas ondas do mar de Vigo bañando o tesouro natural das illas Cíes.
Máis información sobre a exposición neste vídeo.