A visita

A illa de San Simón establece as seguintes normas para visitar ou realizar actividades nas illas de San Simón e Santo Antón, que rexerán con carácter xeral e salvo excepcións expresamente autorizadas pola Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia.

As presentes normas teñen como obxectivo salvagardar a seguridade dos visitantes, así como os elementos patrimoniais do sitio histórico e o medio ambiente da paraxe natural onde se sitúa.

 

1.- Solicitude
Toda visita ou actividade no conxunto insular deberá ser solicitada con carácter previo, por petición escrita dirixida ao correo electrónico illadesansimon.cultura@xunta.gal.
Todas as solicitudes serán respondidas. En caso de que esa resposta, por calquera circunstancia, non se produza, a solicitude entenderase denegada.

 

2.- Autorización
Serán autorizadas todas as visitas que teñan un marcado interese cultural e/ou formativo, en consonancia cos obxectivos fundacionais da illa de San Simón.
A autorización implica a aceptación e o seguimento das normas de réxime interno que lle serán entregadas ao solicitante.
Con carácter xeral, as meras visitas privadas non están autorizadas, salvo por necesidades de salvamento ou outras circunstancias extraordinarias.

3.- Uso das instalacións
Os visitantes poderán pasear polos xardíns e exteriores das illas de San Simón e Santo Antón e visitar as exposicións que se atopen abertas ao público, así como a capela de San Simón.
No suposto de existir servizos de cafetería, poderán ser usadas as instalacións correspondentes, así como os edificios con aseos públicos.
As restantes instalacións e edificación teñen prohibida a entrada de persoas non autorizadas, salvo que se dispoña explicitamente o contrario.

 

4.- Transporte
O grupo deberá proverse do seu propio transporte marítimo, capaz de levar ao grupo integrante da visita.
No caso de ser aprobada a visita, deberá comunicarse hora de chegada e saída da embarcación, así como características da mesma (eslora, calado etc.). O patrón da embarcación será responsable de seguir as indicacións que desde a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria se lle transmitan para as operacións de chegada, partida e espera.
En calquera dos supostos, o número de persoas por expedición que terá acceso á illa será o do dobre da capacidade da embarcación que faga o transporte. Por exemplo, se un grupo ten contratado un barco de 100 prazas, o número máximo de persoas que poderán achegarse será de 200, en dúas viaxes. O transporte nunca deberá verse obrigado a a facer máis de dúas viaxes en caso de ser preciso proceder á evacuación da illa.
A Xunta de Galicia non se fai responsable do servizo de transporte, polo que non ten capacidade de decisión sobre horarios, capacidades, tarifas, permisos de navegación, nin, en xeral, sobre ningunha circunstancia relativa á navegación das embarcacións, limitándose, unicamente, a permitir o acceso aos peiraos das embarcacións que transporten visitas autorizadas.

 

5.- Guías
Non existe persoal de guía ao dispor das visitas. O uso de guías contratados por parte dos visitantes está autorizado, sempre que non empreguen elementos de megafonía, tales coma altofalantes ou similar.

 

6.- Seguridade
Os visitantes deberán seguir ás instrucións do persoal de seguridade e demais persoal baixo as directrices da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.
As visitas deberán prever a necesidade de contar con persoal sanitario na visita, dado que este non está dispoñible na illa. O persoal sanitario terá acceso libre para o uso da enfermería da illa, de resultar preciso.
Os menores de idade poden entrar baixo a supervisión e coidado dun adulto.
Está prohibido o baño nas costas das illas.
Os grupos de visitantes deberán contar cun seguro de responsabilidade civil e outros de accidentes, sen prexuízo dos contratados pola Xunta de Galicia. A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria pode requirir a documentación acreditativa daqueles e denegar a autorización en caso de non ser presentada ou non acreditar a existencia dos seguros.

 

7.- Coidados da illa
Non está permitido comer nas illas, nin facer lume de calquera clase, agás as excepcións recollidas nesta normativa.
Non está permitido fumar no interior de ningún edificio. Respecto dos espazos exteriores, non se poderá fumar máis que nos peiraos de acceso e nas superficies lousadas.
Non está permitido tirar ningunha clase de lixo ao chan. A entidade organizadora pode ser requirida para sufragar o custo da limpeza resultante do incumprimento desta norma.
Non está permitida a entrada de animais de compaña agás cans guía.

 

8.- Privacidade
Existen cámaras de seguridade nas illas que NON GRAVAN as imaxes que toman, polo que a privacidade dos visitantes, a eses efectos, queda garantida.

 

9.- Custo da visita
Baixo o réxime contemplado na presente normativa, a entrada na illa é gratuíta, polo que, o visitante unicamente debe asumir o custo do transporte ata ela.

O proxecto