O descubridor do pergamiño
A descuberta do pergamiño foi un achado azaroso, motivado probablemente pola curiosidade ou pola intuición de Pedro Vindel. Este libreiro atopou o manuscrito na encadernación dun códice que mercara do século XIV e que contiña a copia manuscrita da obra ciceroniana De Officiis.
Pedro Vindel Álvarez (1865-1921) tiña 10 anos cando marchou de Olmeda de la Cuesta (Cuenca) na busca dunha vida mellor. Instalado en Madrid, alí aprenderá a ler e alí comezará tamén o camiño que o levará á profesión que tanta fama lle reportaría.
Canda este libreiro curioso que o descubriu, cómpre recordar tamén o papel desenvolvido polo erudito pontevedrés Víctor Said Armesto, ao que Vindel acudiu para corroborar e precisar a importancia daquel tesouro poético-musical que acababa de atopar: un fito literario imprescincible para comprender o esplendor da lírica medieval galego portuguesa.
Pedro Vindel e o mercado de libros de vello da Restauración
Entre finais do século XIX e comezos do século XX, unha febre estaba percorrendo a vella Europa: era a febre do libro raro, do libro especial. Os bibliófilos buscaban as mellores xoias para as súas bibliotecas, os membros da alta sociedade compraban libros e máis libros con afán coleccionista para despois vendelos cando perdían a fortuna xogando ás cartas e os libreiros de vello procuraban os mellores exemplares cos que tentar aos seus clientes. E iso era o que facía, no Madrid da Restauración, Pedro Vindel.
Vindel era un deses libreiros de vello que na época usaban todas as tácticas posibles para encontrar obras especiais, aínda que a miúdo era pura cuestión de sorte. O mercado estaba na segunda metade do século XIX bastante cheo de libros medievais, xa que a desamortización por un lado e as necesidades económicas da nobreza por outro fixeran entrar no circuíto de libros de vello volumes desa época. Como nos séculos posteriores á creación deses códices as bibliotecas reutilizaban os materiais á hora de dar cubertas novas aos libros, no medio deses volumes ás veces viñan sorpresas. Foi grazas a iso polo que Pedro Vindel fixo en 1914 un dos seus grandes descubrimentos: o do pergamiño que levaría o seu nome.
Forrando unha edición do século XIV do De officiis de Cicerón, Vindel atopou unha versión de sete composicións da lírica medieval. O hoxe coñecido como Pergamiño Vindel non só incluía as sete cantigas, senón que ademais o facía coa partitura de seis delas e co nome do seu autor, Martín Códax. Vindel publicaría a comezos do século XX en formato facsímile as Siete canciones de amor, como as titulou, de Martín Códax. Máis adiante, dous anos despois de atopar o pergamiño, vendeullo a un coleccionista particular por 6.000 pesetas da época. Nos anos 70, o pergamiño foi mercado pola Pierpont Morgan Library.