A Xunta de Galicia conmemora o Día da Ilustración 2023 cun amplo de abano de actividades nas bibliotecas de xestión autonómica sobre o legado de María Antonia Dans, artista á que se homenaxea este ano. Trátase dunha programación cuxa peza central é a mostra bibliográfica "María Antonia Dans, a maxia da cor", da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura, e na que un ano máis colaboramos coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI). Así, os seus debuxos naturalistas e coloristas que quedaron impresos en diversos libros e xornais mostraranse, entre outros documentos, nesta exposición que se poderá ver ata o 12 de maio no Edificio do Arquivo e Biblioteca de Galicia. Ademais, o sábado 4 de febreiro este espazo acollerá o obradoiro "Ilustremos en galego", dirixido a rapaces e rapazas de máis de 14 anos.
PROGRAMACIÓN
Actividades para a rapazada
Na Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago de Compostela, a programación inclúe unha sesión de contacontos o sábado 28, a partir das 12.00 horas, para nenos e nenas de entre 3 e 8 anos. Ademais, acolle ata o 28 de febreiro a mostra bibliográfica "María Antonia Dans: Si no fuera mujer, mis cuadros se pagarían el doble" e a exposición infantil "Ilustradoras galegas".
Por outro lado, a rapazada de 6 a 12 anos poderá asistir o sábado 28 de xaneiro, ás 19.00 horas na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña, ao obradoiro "Laboratorio Zoo-Ilóxico" baseado no libro O meu pesadelo favorito, escrito por María Solar e ilustrado por María Lires.
Xa na provincia de Lugo, a biblioteca xestionada pola Xunta ofrece o sábado 27 o obradoiro "Historias sen palabras" a cargo de Noemí López. Nesta actividade para nenos e nenas de entre 6 e 12 anos daranse as pautas para coñecer o traballo da narración ilustrada de ficción e dos/as profesionais da ilustración para crear personaxes e secuencias dunha historia en imaxes.
Selección de cubertas ilustradas
A Biblioteca Pública Nós de Ourense, pola súa banda, celebra esta efeméride coa mostra "Pintando a vida", composta por libros ilustrados, álbums e debuxos que se poden ver na Sala Infantil ata o 5 de febreiro. A programación complétase coa exposición "Portadas ilustradas e algo máis", na que se inclúe unha selección de novelas con cubertas debuxadas, ilustracións e outros libros divulgativos nos que esta técnica é especialmente importante. Pode visitarse no Espazo Xove do 26 de xaneiro ao 28 de febreiro.
Así mesmo, a biblioteca da cidade das Burgas tamén acolle o obradoiro "Liñas que emocionan" a cargo de Sabela Gago e Alba Fernández, no que os/as participantes de 6 a 11 anos poderán elaborar unha ilustración que exprese as súas emocións. Será o sábado 28 ás 12.00 horas e ese mesmo día, ás 11.30 horas, Yago García Rodríguez impartirá a actividade "Desenvolvemento da creatividade a través do debuxo" para rapaces e rapazas maiores de 12 anos e adultos/as.
En Pontevedra, a Biblioteca Pública Antonio Odriozola ten previsto unha programación para todos os públicos na que se inclúen obradoiros, sesións de contacontos, seleccións de libros e a exposición "María Antonia Dans e o neoexpresionismo", que se poderá ver ata o 10 de febreiro.
Talleres de debuxo
O venres 27 de xaneiro, ás 18.00 horas, o público familiar poderá asistir ao contacacontos e obradoiro de debuxo "De cando María Antonia Dans decidiu ser pintora". Ademais, o centro tamén ofrece ata o 12 de febreiro a selección de libros "As imaxes contan" con publicacións ilustradas dirixidas ao público infantil.
A Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo celebra esta data co obradoiro "Luces e sombras" que imparte Carmen Pintos ás 18.30 horas o día 30. Ademais, o sábado 28 de xaneiro María Vilar ofrecerá un taller sobre banda deseñada para nenos e nenas de 6 anos ás 12.30 horas. A programación complétase coas exposicións bibliográficas "María Antonia Dans: retratar a humildade do cotiá", que se poderá ver ata o 17 de febreiro, e "María Antonia Dans: debúxame un conto", composta por reproducións de ilustracións da pintora e dispoñible ata o mesmo día.
MARÍA ANTONIA DANS