Día da Ilustración 2024

Día da Ilustración 2024

 

A Xunta de Galicia conmemora o Día da Ilustración 2024 cun amplo de abano de actividades nas bibliotecas de xestión autonómica sobre o legado de Chichi Campos, artista que se homenaxea este ano. Trátase dunha programación que estará presente nas bibliotecas xestionadas pola Xunta de Galicia e en escolas de arte e na que destaca a mostra bibliográfica "Xesús Chichi Campos: o humor de trazo elegante" na Biblioteca de Galicia, na Cidade da Cultura. Estará dispoñible do 30 de xaneiro ao 12 de maio e nela participan artistas como Leandro Barea, Iván Mourente e Idoia de Luxán, entre outros/as. Tamén cómpre salientar a proxección do documental Chichi Campos e mais eu, realizado polo seu fillo Nico Campos. Proxectarase o día 30, ás 18.00 horas, nas bibliotecas da Xunta na Coruña e Pontevedra; os días 29 e 30, ás 18.00 horas, na Biblioteca Juan Compañel de Vigo, e o 2 de febreiro, ás 19.00 horas, na Biblioteca de Galicia.

Con esta serie de iniciativas, a Xunta de Galicia quere render unha homenaxe a Xesús Campos Álvarez, coñecido como Chichi Campos, un home que fixo moitas cousas en apenas 39 anos de vida e que destacou como debuxante, humorista, columnista e guionista.

Actividades polas cidades

A programación das bibliotecas da Xunta completarase con obradoiros, contacontos e exposicións. A Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña ten programado o obradoiro "Historias sen palabras" para nenos e nenas de 6 a 12 anos o 27 de xaneiro ás 12.00 horas e unha mostra bibliográfica sobre o autor homenaxeado este 2024, que estará dispoñible do 31 de xaneiro ao 13 de febreiro.

A Biblioteca Pública de Lugo organiza o obradoiro "Historias sen palabras" para a cativada coa ilustradora Noemí López o 26 de xaneiro, mentres que A Furgoteca, o servizo de bibliotecas móbiles da Xunta, acollerá a presentación do libro Pedro, o piloto de gaivotas, que se completará cun obradoiro no Colexio CEIP de Samos o 30 de xaneiro ás 11.50 horas.

En Ourense, a Biblioteca Pública Nós disporá dun espazo como centro de interese para coñecer a figura de Chichi Campos ata o 15 de febreiro, acompañado da mostra de libros "Ilústrate". O día 27, ás 10.00 horas, está programado un taller de ilustración con Xosé Poldras para maiores de 14 anos, mentres que ás 12.00 horas se celebrará o obradoiro "Xogamos entre as ilustracións" con Sabela Gago para a cativada. O 3 de febreiro, ás 12.00 horas, realizarase un taller de pintura infantil. Ademais, A Furgoteca organizou o día 18 un foro sobre a figura de Castelao como ilustrador na residencia de Vilardevós.

Pola súa parte, a Biblioteca Pública Antonio Odriozola de Pontevedra organizou un obradoiro de ilustración e lettering para nenos e nenas de 8 a 12 anos o día 19; o contacontos "Ilustrar sen dono" o día 26 ás 18.00 horas para os/as máis pequenos/as da casa, e visitas escolares programadas cun obradoiro de ilustración para coñecer a biblioteca ata o 31 de xaneiro.

Na Cidade da Cultura, a Biblioteca de Galicia tamén organiza o obradoiro "Retrato creativo de Chichi Campos" o 27 de xaneiro, ás 17.00 horas, mentres que a Biblioteca Pública Ánxel Casal de Santiago ten programado un contacontos ilustrado para a cativada o día 27, ás 12.00 horas, e disporá dunha mostra bibliográfica sobre Chichi Campos do 22 de xaneiro ao 29 de febreiro.  

Para rematar, a Biblioteca Pública Juan Compañel de Vigo realizará o contacontos "Ilustrar sen dono" o día 30 ás 18.30 horas e un obradoiro de banda deseñada o 27 de xaneiro ás 12.30 horas, ambas actividades para público infantil. Así mesmo, disporán de dúas exposicións: "Chichi Campos: elegante can sen dono" e "Novas ilustradoras galegas".

As actividades nas escolas artísticas

A conmemoración do Día da Ilustración completarase con variadas citas nas escolas de Arte Superior de Deseño da Xunta. A Pablo Picasso da Coruña organiza o obradoiro "O libro obxecto: cando todo conta", da man de Nuria Díaz o 1 de febreiro; a Ramón Falcón de Lugo opta polo taller "Autoedición e autoxestión da túa obra" con Bernal Prieto o día 30, e a Antonio Faílde de Ourense organiza un taller de ilustración e animación para redes sociais con Carmen Pintos e o coloquio "Chichi Campos e a importancia da autoedición durante o franquismo", da man de Nico Campos o 30 de xaneiro.

Novas relacionadas

23/11/2024

A Xunta de Galicia colabora un ano máis coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración 

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, felicita persoalmente ao autor nunha visita ao seu estudo

18/01/2024

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presenta a programación xunto coa Asociación Galega de Profesionais da Ilustración

10/07/2023

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, reúnese coa presidenta da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración, Laura Romero, para planificar a efeméride

30/01/2023

A exposición María Antonia Dans, a maxia da cor é a proposta central do Goberno galego para conmemorar a efeméride que se celebra hoxe

 

25/01/2023

Os actos deste ano renden homenaxe á pintora galega, un dos nomes máis destacados da ilustración na nosa Comunidade

09/11/2022

A decisión consensuouse nun encontro mantido entre o director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, con representantes da Asociación Galega de Profesionais da Ilustración e das escolas de Arte e Superior de Deseño

18/08/2022

A actuación levarase a cabo ao abeiro dun convenio asinado hoxe polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades e o alcalde de Curtis