As intervencións nos bens materiais protexidos polo seu valor cultural, no seu contorno de protección ou mesmo na súa zona de amortecemento, poden ser de distintos tipos:
- Investigación: accións que teñan como obxectivo ampliar o coñecemento sobre o ben ou o seu estado de conservación e que afecten directamente o seu soporte material. Inclúe as accións e procedementos necesarios para elaborar unha diagnose e caracterizar os materiais e os riscos que afectan o ben.
- Valorización: medidas e accións sobre os bens culturais ou o seu ámbito próximo que teñan por obxecto permitir a súa apreciación, facilitar a súa interpretación e acrecentar a súa difusión, especialmente no ámbito educativo, e a súa función social.
- Mantemento: actividades cotiás, continuas ou periódicas de escasa complexidade técnica sobre o soporte material dos bens ou o seu ámbito próximo para que manteñan as súas características, funcionalidade e lonxevidade, sen que se produza ningunha substitución ou introdución de novos elementos. Tamén se consideran actuacións de mantemento os procedementos de monitorización para realizar o seguimento e medición das lesións, dos axentes de deterioración ou dos posibles factores de risco, ou para desenvolver accións de conservación preventiva.
- Conservación: medidas e accións dirixidas a que os bens conserven as súas características e os seus elementos en adecuadas condicións, que non afecten a súa funcionalidade, as súas características formais ou o seu soporte estrutural. Non implican a substitución nin a alteración dos seus principais elementos estruturais ou de deseño, pero si actuacións no seu ámbito.
- Consolidación: accións e medidas para afianzar, reforzar ou substituír elementos danados ou perdidos, coa finalidade de asegurar a estabilidade do ben. Preferentemente úsanse materiais e elementos da mesma tipoloxía que os existentes, ou con alteracións menores e parciais dos seus elementos estruturais,que respecten as características xerais do ben.
- Restauración: accións para restituír o ben ou as súas partes ao seu debido estado, sempre que se dispoña da documentación suficiente para coñecelo ou interpretalo, con respecto aos seus valores culturais. A restauración pode implicar a eliminación de elementos estraños ou engadidos sen valor cultural, ou a recuperación de elementos característicos do ben, conservando a súa funcionalidade e estética.
- Rehabilitación: accións e medidas que permitan a recuperación dun uso orixinal perdido ou novo compatible cos valores orixinais dun ben ou dunha parte del. Poden supoñer intervencións puntuais sobre os seus elementos característicos e, excepcionalmente e de maneira xustificada, a modificación ou a introdución de novos elementos imprescindibles para garantir unha adecuada adaptación aos requirimentos funcionais. Inclúense as accións destinadas á adaptación dos bens por razón de accesibilidade.
- Reestruturación: accións de renovación ou transformación en inmobles nos que non se poida garantir o seu mantemento ou o seu uso polas súas malas condicións de conservación ou por deficiencias estruturais e funcionais graves e que poden supoñer unha modificación da súa configuración espacial e a substitución de elementos da súa estrutura, acabado ou outros determinantes da súa tipoloxía.
- Ampliación: accións destinadas a complementar en altura ou en planta bens inmobles existentes con criterios de integración compositiva e coherencia formal compatibles e respectuosos cos seus valores culturais preexistentes.
- Reconstrución: acción que permite completar un estado previo dos bens arruinados utilizando partes orixinais destes cuxa autenticidade poida acreditarse. Por razóns xustificadas de recomposición, interpretación e correcta lectura do valor cultural ou da imaxe do ben admitiranse reconstrucións parciais de carácter didáctico ou estrutural, que afecten elementos singulares perfectamente documentados.