Natureza e categorías de protección

Segundo a súa natureza e características o patrimonio cultural de Galicia pode ser considerado patrimonio inmaterial, patrimonio moble e patrimonio inmoble.

 

Considéranse manifestacións do patrimonio cultural inmaterial os usos, representacións, expresións, coñecementos e técnicas que as comunidades, os grupos e nalgúns casos os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural. Tamén son elementos do patrimonio inmaterial os instrumentos, os obxectos e espazos culturais vinculados a esas expresións, técnicas ou coñecementos. Ademais destas, o legado das figuras históricas senlleiras na configuración da identidade cultural de Galicia, por exemplo, tamén fan parte do patrimonio cultural inmaterial.

En particular, son manifestacións do patrimonio inmaterial:

  • A lingua, como vehículo do patrimonio cultural inmaterial, regulada pola súa normativa específica
  • As tradicións e expresións orais
  • A toponimia
  • As artes do espectáculo, en especial a danza e a música, representacións, xogos e deportes
  • Os usos sociais, rituais, cerimonias e actos festivos
  • Os coñecementos e usos relacionados coa natureza e o universo
  • As técnicas artesanais tradicionais, actividades produtivas e procesos

 

 

Os bens mobles son definidos no artigo 335 do Código Civil como aqueles bens que non sexan inmobles e aquelas construcións e elementos susceptibles de seren transportados, calquera que sexa o seu soporte material. Os bens mobles poden protexerse de forma individual ou como colección, entendida esta como o conxunto de bens agrupados nun proceso intencional de provisión ou acumulación de forma miscelánea ou monográfica.

 

 

Considéranse bens inmobles os enumerados no artigo 334 do Código Civil e os que formasen parte consubstancial do inmoble noutro tempo, aínda que no caso de seren separados constitúan un todo perfecto de fácil aplicación a outras construcións ou usos distintos do orixinal.

 

Os bens inmobles divídense en diferentes categorías:

  • Monumento: obra ou construción que constitúe unha unidade singular recoñecible de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico.
  • Xardín histórico: espazo delimitado, produto da ordenación planificada de elementos naturais e artificiais de relevante interese artístico, histórico, arquitectónico, antropolóxico ou científico e técnico.
  • Sitio histórico: lugar vinculado a episodios relevantes do pasado, a tradicións populares ou a creacións culturais singulares de interese histórico, paleontolóxico, sempre que estea relacionado coa historia humana, etnolóxico, antropolóxico ou científico e técnico.
  • Xacemento ou zona arqueolóxica: lugar no que existen evidencias de bens mobles ou inmobles susceptibles de seren estudados con metodoloxía arqueolóxica, de interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, paleontolóxico, sempre que estea relacionado coa historia humana, ou antropolóxico.
  • Vías culturais: vía ou camiño de características orixinais recoñecibles que forma parte ou que o formou no pasado da estrutura tradicional do territorio, cun relevante interese histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico ou antropolóxico.
  • Lugar de valor etnolóxico: ámbito no que permanecen testemuños relevantes e recoñecibles de actividades ou construcións vinculadas ás formas de vida e cultura tradicional do pobo galego que resulten de interese histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico ou antropolóxico.
  • Conxunto histórico: a agrupación de bens que conforman unha unidade de asentamento, continua ou dispersa, cunha estrutura física representativa da evolución dunha comunidade que resulta un testemuño cultural significativo por interese artístico, histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, industrial ou científico e técnico, aínda que individualmente os elementos que a conforman non teñan unha especial relevancia.
  • Paisaxe cultural: o lugar identificable por un conxunto de cualidades culturais materiais e inmateriais singulares, obras combinadas da natureza e o ser humano, que é o resultado do proceso da interacción e interpretación que unha comunidade fai do medio natural que o sustenta e que constitúe o soporte material da súa identidade.
  • Territorio histórico: o ámbito no que a ocupación e as actividades das comunidades ao longo da súa evolución histórica caracterizan un ámbito xeográfico relevante polo seu interese histórico, arquitectónico, arqueolóxico, etnolóxico, antropolóxico, industrial ou científico e técnico.