O pouso histórico dun pasado milenario e a fisonomía dos xardíns contribuíron a darlle a todo o conxunto de San Simón un aire decimonónico no que tanto os espazos exteriores como as edificacións conforman un gran centro de exposicións para as artes plásticas, que completan a beleza inspiradora deste escenario único. En estanques, en vestíbulos, no cemiterio, en praciñas, agochadas entre árbores ou o mesmo mar, onde o capitán Nemo e os seus buzos lle dan a benvida ao visitante, sorpréndennos as esculturas de destacados autores galegos. Como xa acontecera con poetas, narradores e trobadores de todos os tempos, os artistas atoparon na historia desta illa innumerables fontes para realizar a súa particular homenaxe, desde a emigración e a represión ata as vellas lendas, a lírica medieval, a cultura do mar ou a propia quietude que se respira en San Simón. A arte convive con arquitecturas como a ponte de cantería con tres arcos deseñado por Alejo Andrade, a capela con fachada de estilo neoclásico ou o vello embarcadoiro e os seus cinco peiraos.