O Día das Artes Galegas é unha conmemoración instituída pola Real Academia Galega de Belas Artes en 2015. A data de celebración escollida pola institución para exaltar e promover a creación galega é o 1 de abril por ser a que figura inscrita nos linteis do Pórtico da Gloria como día da súa finalización en 1188.
Cada ano escóllese un homenaxeado da historia da arte galega, de cuxo pasamento deben ter transcorrido polo menos dez anos.
Mestre Mateo foi a primeira persoa recoñecida nesta celebración. Tras el, o Día das Artes Galegas estivo dedicado a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, Maruja Mallo, Alejandro de la Sota, Luis Seoane, Domingo de Andrade, Laxeiro e Martín Códax.