Os Camiños de Santiago son unha manifestación singular do patrimonio cultural de Galicia, un conxunto de territorios históricos de valor universal excepcional tanto desde o aspecto material como inmaterial.
Os trazados dos camiños fundaméntanse no recoñecemento do seu uso como rutas de peregrinación de longo percorrido que estruturan, conforman e caracterizan o territorio que atravesan. As rutas principais dos Camiños de Santiago son: o Camiño Francés; o Camiño do Norte, ruta da costa e ruta do interior, tamén coñecido como Camiño Primitivo ou de Ovedo; o Camiño Inglés; o Camiño de Fisterra e Muxía; o Camiño Portugués, interior e da costa; a Vía da Prata ou Camiño Mozárabe; e o Camiño de Inverno. Tamén poderán ser recoñecidas como Camiño de Santiago aquelas rutas das que se documente e xustifique convenientemente a súa historicidade como rutas de peregrinación a Santiago de Compostela e a súa influencia na formalización da estrutura do territorio polo que transcorren.
O Camiño Francés e as rutas do Camiño do Norte (ruta da costa e ruta do interior) teñen o máximo recoñecemento patrimonial ao estaren incluídas na lista do Patrimonio Mundial da Unesco en 1993 e 2015, e teñen a consideración de ben de interese cultural. Toda a información relativa a esta declaración pode consultarse na páxina web da UNESCO http://whc.unesco.org/en/list/669/
O conxunto dos seus valores mereceu xa diversos recoñecementos, como a súa declaración como Primeiro Itinerario Cultural Europeo en 1987 do Consello de Europa, que en 2004 tamén lle concedeu a categoría de Grande Itinerario Cultural Europeo; ou o premio Príncipe de Asturias da Concordia no mesmo ano.