Conservación e restauración

A conservación do patrimonio cultural integra un conxunto de accións e medidas que perseguen a salvagarda do patrimonio cultural tanxible, para asegurar a súa accesibilidade e a apropiación patrimonial polas xeracións presentes e futuras. A súa conservación pode ser preventiva, curativa ou destinada á restauración e rehabilitación dos bens. En todos os casos estas medidas e accións deben respectar o significado e as características físicas e patrimoniais dos bens culturais obxecto das mesmas.

Os bens do patrimonio cultural poden ser de natureza moble, inmoble e inmaterial, de titularidade pública ou privada. Para todos eles, a Lei 5/16 do patrimonio cultural de Galicia establece a necesidade de salvagardalos.

Os propietarios e demais titulares de dereitos reais sobre os bens integrantes do patrimonio cultural de Galicia de os conservar e coidar, para asegurar a súa integridade e evitar a súa perda, destrución ou deterioración. Os poderes públicos garanten a protección, a conservación e o enriquecemento do patrimonio cultural.

 

Políticas de conservación do patrimonio cultural de Galicia

A conservación do patrimonio cultural, xunto coa protección, o acrecentamento, a difusión, a investigación e o fomento dos bens que o integran, constitúen o obxecto da política e actuacións que realiza o departamento responsable da área de Cultura da Xunta de Galicia.   

O obxectivo principal das actuacións de conservación é transmitir o patrimonio cultural tanxible ás xeracións vindeiras, asegurando o seu uso actual e respectando a súa significación social, espiritual e identitaria.

As actuacións e accións realizadas no ámbito da conservación dos bens protexidos deben ser o resultado dun proceso interdisciplinar e documentado de toma de decisións, baseado na investigación, o estudo e a reflexión crítica (nos aspectos históricos, histórico-artísticos, funcionais, científicos ou técnicos) sobre a significación e o contexto pasado, presente e futuro do ben cultural. 

As actuacións de conservación do patrimonio cultural promovidas pola Consellería de Cultura e Turismo a través da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, departamento adscrito á Dirección Xeral de Políticas Culturais, atenden á execución de accións e medidas sobre os bens culturais tanxibles, de acordo coa programación anual de investimentos e de colaboracións con outras administracións, ou cos propietarios dos bens protexidos, ao abeiro dos convenios que se asinen para eses efectos.

Estas actuacións enmárcanse así mesmo nos plans de conservación establecidas con carácter nacional ou autonómico,  como son o Plan de Catedrais, o Plan da Arquitectura Defensiva, o Plan do Patrimonio Industrial, o Plan de Abadías, Mosteiros e Conventos ou o Plan de Arquitectura Tradicional.