Percorrer o tempo: Carla Andrade

Amarillo-Atlántico

Vídeo HD. 14 min.

Amarillo Atlántico é a variedade única de granito da Serra da Groba, situada ao longo da costa máis meridional e rectilínea de Galicia e lugar de paso de camiños iniciáticos desde a cultura sumeria. Pola súa riqueza e descoñecemento, constitúe un gran libro de pedra no que se ocultan sabedorías ancestrais e poderosas forzas cosmo-telúricas que permaneceron no proceso cultural como residualidades do rústico, resistindo á división ortodoxia-idolatría. Imaxes fixas e en movemento combínanse e tinguen do propio material fílmico resignificando estas nocións relacionadas co amor pola insondabilidade do salvaxe, pero estruturalmente asimiladas como ilusión e ignorancia.

 

Carla Andrade (Vigo, 1983)

É licenciada en Comunicación Audiovisual, cun Máster en Artist's Film & Moving Image na Universidade Goldsmiths de Londres, ademais de en Filosofía pola UNED. Esta intersección entre os medios de expresión visuais e un terreo máis próximo á reflexión é precisamente unha das facetas que máis define o seu traballo.

Realizou residencias artísticas e proxectos en Islandia, Nepal, Chile, Suecia, República Centro Africana, Barcelona ou París, entre outros lugares. O seu traballo presentouse de xeito individual en centros de arte contemporánea como MAC Gas Natural Fenosa, CDAN, BilbaoArte, Casa das Artes de Vigo ou Galería Trinta; de xeito colectivo no Museo Guggenheim de Bilbao, MARCO de Vigo, Real Academia BBAA San Fernando, Tabacalera Madrid, CaixaForum, La Casa Encendida, Le 104 de París, Lux London etc; en festivais internacionais de cine e fotografía, como IFFR, Zinebi, PortoPostDoc, Jihlava, Alchemy Film Festival, Curtocircuíto, Filmadrid, (S8), PhotoEspaña, Mois de la Photo ou Encontros da Imagem; e en países como EE. UU., Brasil, Alemaña, Reino Unido, Taiwán e Corea do Sur.

Recibiu recoñecementos como o Premio Mujeres-Foro-Dialogo Alliançe Française / Pilar Citoler (2012), Premio Absolut//Collection Emergentes Casa//Arte (2013), Premio Franc Vila de adquisición Galería Luis Adelantado (2013), 1er Premio Joven Artes Plásticas UCM (2014), Premio Fotografía Comunidad de Madrid SUMMA 2015 e Premio Panorama Filmic L'Alternativa Barcelona (2016), entre outros.