As actuacións autorizables, segundo o nivel de protección, nos bens inmobles son as seguintes:
En protección integral:
- As de investigación, valorización, mantemento, conservación, consolidación e restauración.
- As de rehabilitación poderán autorizarse sempre que o proxecto de intervención garanta a conservación dos valores culturais protexidos e que se trate de adaptacións necesarias para adecuar o uso orixinal aos condicionantes actuais de conservación, seguridade, accesibilidade, confortabilidade ou salubridade ou para adecuar o ben a un novo uso compatible cos seus valores culturais que garanta a súa conservación e o acceso público a el.
- As ampliacións dun ben inmoble, exclusivamente en planta, no marco dunha actuación de rehabilitación, con carácter complementario a esta, sempre que resulten imprescindibles para desenvolver o uso proposto e se resolvan como volumes diferenciados.
- As de reconstrución, de xeito excepcional, cando se utilicen partes, elementos e materiais orixinais dos que se poida probar a súa autenticidade e posición orixinal.
En protección estrutural:
- As de investigación, valorización, mantemento, conservación, restauración, consolidación e rehabilitación.
- As de reestruturación puntual ou parcial poderán autorizarse se a través do proxecto de intervención se xustifica a súa necesidade de forma específica e documentada e se se reducen a un alcance limitado sobre os elementos irrecuperables, que deberán ser substituídos por elementos análogos ou coherentes cos orixinais.
- As ampliacións, en planta e en altura, dun ben inmoble no marco dunha actuación de rehabilitación, con carácter complementario a esta, sempre que resulten imprescindibles para desenvolver o uso proposto e que no seu deseño se conserven a súa concepción e o seu significado espacial.
- As de reconstrución, de forma excepcional, cando se utilicen partes, elementos e materiais orixinais cuxa autenticidade e posición orixinal se poidan probar.
En protección ambiental:
- As de investigación, mantemento, conservación, consolidación, restauración, rehabilitación e reestruturación parcial ou total.
- As de ampliación, sempre que non supoñan unha deterioración ou destrución dos valores culturais que aconsellaron a súa protección.
En cada nivel de protección poderá ser autorizado excepcionalmente pola consellería competente en materia de patrimonio cultural outro tipo de intervencións distinto ao establecido de forma xeral, nos casos en que se analicen de forma pormenorizada as características e condicións de conservación do ben e o seu contorno de protección, os valores culturais protexidos e as melloras funcionais, e sempre que o proxecto de intervención xustifique a súa conveniencia en prol dun maior beneficio para o conxunto do patrimonio cultural de Galicia.