Que documentación hai que achegar?
Modelos
Que documentación hai que achegar?
1) Con carácter xeral:
- Os impresos oficiais de solicitude cubertos (modelos A e B).
- Un exemplar da obra.
- Unha fotocopia do DNI dos autores.
- O xustificante de ter abonado as taxas nunha entidade bancaria colaboradora.
O exemplar identificativo da obra cando se presente en papel deberá vir numerado, escrito polas dúas caras, asinado polos autores na primeira e na última páxina e encadernado (habitualmente, preséntase en espiral, salvo que só conste dunhas poucas páxinas, en cuxo caso pode vir grampado).
Igualmente, poden vir nun soporte diferente ao papel, ademais de naqueles casos nos que o Regulamento así o establece, tales como pode ser o caso das obras audiovisuais (DVD) ou das obras plásticas (fotografías), naqueles outros nos que pola extensión da obra ou as condicións do arquivo fose necesario, supostos nos que se presentará un USB, un CD-R ou un DVD-R.
No caso de que un dos titulares de dereitos sexa unha persoa xurídica achegarase ademais: a escritura de constitución, o poder do representante legal, unha fotocopia do DNI deste e o CIF; pola súa banda, a persoa que presente a solicitude, no caso de que non sexa directamente o representante legal, achegará unha autorización deste.
2) Requisitos específicos. A documentación que se debe presentar segundo o tipo de obra de que se trate detállase no modelo B da solicitude.
3) Requisitos en determinados supostos:
- Nas obras colectivas: declaración de que a obra ten o carácter de colectiva de conformidade co art. 8 do TRLPI; nome e apelidos ou denominación da persoa natural ou xurídica baixo cuxa iniciativa a obra foi creada, editada e divulgada; certificado de constitución do depósito legal; e exemplar da obra tal e como foi posta a disposición do público.
- Nas obras compostas e derivadas: o nome e apelidos do autor ou coautores da obra preexistente e a súa autorización.
- No caso de transmisión de dereitos por relación laboral: copia do contrato de traballo, cubrir e asinar o modelo de relación laboral, perante notario ou funcionario do Rexistro, de tal xeito que conste que a obra se realizou en virtude da relación laboral que mantén coa persoa xurídica de que se trate, e un certificado da empresa ou calquera outro documento que acredite a vinculación de asalariado que mantén coa mesma.
- No caso de transmisión de dereitos ‘intervivos’: o contrato de cesión no que conste como contido mínimo: o carácter exclusivo ou non da cesión, que dereitos se ceden, por canto tempo, ámbito territorial desta, as modalidades de explotación cedidas e o prezo acordado pola mesma. Este contrato terá que asinarse perante notario ou funcionario do Rexistro, ou ben no caso de telo xa feito privadamente lexitimar as sinaturas. Igualmente, achegarase o xustificante de ter pagado o imposto de transmisións patrimoniais e actos xurídicos documentados pola cesión ou, de ser o caso, o de estar exento do mesmo.
- No caso de transmisión de dereitos ‘mortis-causa’: achegar a escritura pública de adxudicación e aceptación da herdanza, así como acreditar o pagamento do imposto de sucesións e doazóns, a súa presentación para a liquidación ou a súa exención.
- Modelos A1 e B. Estes cubriranse en todo caso. No A1 indícase quen é o solicitante, o autor e o titular de dereitos; en tanto que no modelo B o que se indica é o tipo de obra sobre a que se queren rexistrar os dereitos. Descargar modelo A1 / Descargar modelo B.
- Modelo A2. Utilízase no caso de haber varios autores. Descargar modelo A2.
- Modelo O-T. Para o caso de que haxa varios titulares de dereitos. Descargar modelo O-T.
- Modelo de autorización. Se a solicitude non a presenta directamente o autor ou titular de dereitos. É un modelo opcional, pode achegarse calquera outra folla de autorización asinada, para tal efecto, polo interesado. Descargar modelo de atorización.
- Modelo A-T. É o que se debe utilizar cando quere inscribirse unha segunda transmisión sobre unha obra cuxos dereitos xa están inscritos. Descargar modelo A-T.
- Modelo de relación laboral. Terá que asinarse perante notario ou funcionario do Rexistro. Utilizarase o modelo que aparece como art. 51.2 (descargar modelo), salvo que se trate de programas de ordenador, en cuxo caso utilizarase o outro modelo, art. 97.4 TRLPI (descargar modelo).
- Modelo C. Está previsto para os denominados dereitos afíns ou conexos aos dereitos de autor. Descargar modelo C.
- Modelo de publicidade rexistral. Para efectuar solicitudes deste tipo, ben dunha nota simple, dun certificado ou da copia da obra. Descargar modelo de publicidade rexistral.