Última etapa
Vídeo HD. 9 min.
Última etapa é un traballo sobre o territorio e a paisaxe que reciben o peregrino durante o seu último esforzo por chegar á catedral de Santiago. Tamén é, accidentalmente, un retrato da Galicia rururbana actual.
O vídeo componse das fotografías tomadas durante as saídas, sons rexistrados durante estes percorridos e gravacións de peregrinos obtidas de Internet. O obxectivo é xerar un encontro entre dúas subxectividades, a do habitante de Santiago e a do peregrino que se achega á súa meta.
Luis Díaz Díaz (A Coruña, 1978)
Actualmente reside en Santiago de Compostela, onde se dedica á fotografía de arquitectura, desenvolve traballos relacionados co territorio e xestiona o espazo Sar53.
En 2012 publica o libro La casa de Óscar a través da editorial Fabulatorio. En 2010 funda a web "30 y 3 - Spanish photography now", dedicada á difusión da fotografía española contemporánea. A través desta plataforma, comisaría xunto a Charlotte Cotton e Iñaki Domingo a exposición “P2P – Prácticas contemporáneas en la fotografía española”, incluída no programa oficial de Photoespaña 2014.
Impartiu obradoiros no Máster en Fotografía de Autor da Escuela Lens (Madrid), na Universidade Europea de Madrid e no CGAC-Centro Galego de Arte Contemporánea.
A súa obra foi exposta en galerías e centros de arte de España e do estranxeiro a título individual e como parte do colectivo Todo por la Praxis, con quen recibiu en dúas ocasións as axudas convocadas polo centro Matadero de Madrid para a realización de proxectos artísticos.