É obrigatorio? Cal é a súa finalidade?
Que comprende a propiedade intelectual?
Que se rexistra?
Que creacións están excluídas do Rexistro?
Que efectos ten a inscrición?
Dende cando ten efectos a inscrición?
Que persoas están lexitimadas para solicitar as inscricións?
Para que ámbito territorial ten efectos a inscrición?
Que diferenza o Rexistro, o depósito legal, o ISBN e o copyright ©?
É posible efectuar solicitudes telemáticas?
É obrigatorio? Cal é a súa finalidade?
O Rexistro ten carácter voluntario, pero é o modo máis seguro de garantir os dereitos de propiedade intelectual, por canto que a inscrición dos dereitos sobre unha obra supón o establecemento dunha presunción legal en virtude da cal “presumirase, salvo proba en contrario, que os dereitos inscritos existen e pertencen ao seu titular na forma determinada no asento respectivo”. Polo tanto, a súa finalidade é protexer a propiedade intelectual ao dar seguridade xurídica sobre os dereitos que a integran é ofrecer unha proba cualificada sobre a existencia e pertenza destes dereitos.
A propiedade intelectual carece de formalismos, polo mero feito da creación dunha obra téñense os dereitos sobre esta (art. 1 do TRLPI). Sen embargo, na práctica diaria obsérvase como quen crea unha obra e ata que esta non se edita pode encontrarse nunha situación de indefensión, dende o momento en que haxa terceiros que teñan acceso a esta, de aquí a importancia que adquire o Rexistro para salvagardar os dereitos sobre a obra.
Que comprende a propiedade intelectual?
Tanto dereitos morais, que son irrenunciables e inalienables, como de contido económico, os dereitos de explotación, que si poden ser obxecto de cesión.
Os dereitos morais son (art. 14 TRLPI) de xeito resumido: decidir a divulgación da súa obra e en que forma; se a divulgación se realizará co seu nome, baixo pseudónimo ou de xeito anónimo; esixir o seu recoñecemento de autor da obra; esixir o respecto á integridade da obra; modificar a obra respectando os dereitos adquiridos por terceiros e as esixencias de protección dos bens de interese cultural; retirar a obra do comercio, previa indemnización de danos e perdas aos titulares dos dereitos de explotación; e acceder ao exemplar único ou raro da obra.
Pola súa banda, os dereitos de explotación son:
- O de reprodución: a fixación dunha obra nun medio ou soporte que permita a súa comunicación e obtención de copias.
- O de distribución: a posta a disposición do público do orixinal ou das copias da obra por venda, aluguer, préstamo, etc.
- O de comunicación pública: o acto polo cal unha pluralidade de persoas accede á obra sen distribución previa de exemplares.
- O de transformación: calquera modificación na forma, incluídas a tradución e a adaptación, que dea lugar a unha obra derivada. Os dereitos da obra resultante corresponden ao autor desta última, sen prexuízo do dereito que lle corresponde ao autor da obra preexistente de autorizar a explotación do resultado da obra derivada (art. 21.2 TRLPI).
É posible rexistrar os dereitos sobre tódalas creacións orixinais literarias, artísticas ou científicas expresadas por calquera medio ou soporte. De acordo co disposto no art. 10.1 da Lei e no Regulamento do Rexistro Xeral:
- As obras literarias e científicas.
- As composicións musicais con ou sen letra.
- As obras dramáticas, coreografías e pantomimas.
- As obras cinematográficas e demais obras audiovisuais.
- As esculturas, pinturas, debuxos, gravados, litografías, bandas deseñadas e demais obras plásticas, sexan ou non aplicadas.
- Os proxectos, planos, maquetas e deseños de obras arquitectónicas e de enxeñería.
- Os gráficos, mapas e deseños relativos á topografía, á xeografía e, en xeral, á ciencia.
- As obras fotográficas.
- Os programas de ordenador.
- As bases de datos (estrutura e disposición).
- Os contidos orixinais das páxinas electrónicas e dos multimedia.
Por outra banda, cabe solicitar tamén a inscrición dos dereitos conexos ou afíns, entre os que están, os dereitos sobre a actuación dos artistas, intérpretes ou executantes, os dereitos sobre as producións fonográficas e de gravacións audiovisuais, ou os dereitos sobre determinadas edicións editoriais.
Que creacións están excluídas do Rexistro?
Cómpre aclarar que non están protexidas pola lei de propiedade intelectual e, polo tanto, non poden acceder ao Rexistro:
- As ideas, procedementos, métodos de operación ou conceptos matemáticos en si mesmos.
- As disposicións legais ou regulamentarias, resolucións de órganos xurisdicionais, ditames de organismos públicos, así como as traducións oficiais de ditos textos.
- Aquelas creacións que, dado o seu obxecto, a súa protección non lle compete ao Rexistro, senón á Oficina Española de Marcas e Patentes, tales como as marcas e nomes comerciais, os deseños (modelos e debuxos industriais), os modelos de utilidade e as patentes de invención.
- Efectos probatorios derivados da presunción normativa que se establece polo feito da inscrición.
- Efectos publicitarios derivados do carácter público do Rexistro. Os asentos rexistrais son públicos, polo que é posible solicitar unha nota simple ou un certificado relativo a quen consta como autor e como titular de dereitos dunha obra. Polo que se refire á obra, só se lle dá acceso á mesma ou se lle facilita unha copia ao autor ou titular de dereitos desta.
Dende cando ten efectos a inscrición?
A inscrición terá efectos dende a data de recepción da solicitude, salvo no caso de subsanación de defectos que afecten á validez dos actos e contratos obxecto de inscrición, neste suposto a inscrición terá efectos dende o día en que accedan ao Rexistro os documentos de subsanación.
Que persoas están lexitimadas para solicitar as inscricións?
Os autores e os demais titulares orixinarios de dereitos con respecto da propia obra, actuación ou produción. Igualmente, os sucesivos titulares de dereitos se tivese lugar cesión de dereitos ou transmisión ‘mortis-causa’.
Para que ámbito territorial ten efectos a inscrición?
As inscricións practicadas por un Rexistro Territorial, ou ben aquelas outras practicadas polo Rexistro Central, que é quen tramita as solicitudes que se presentan nas CC. AA. que non teñen un Rexistro Territorial, teñen efectos para toda España.
Que diferenza o Rexistro, o depósito legal, o ISBN e o copyright ©?
- En tanto que o Rexistro é un instrumento de carácter voluntario para a protección dos dereitos de autor, o depósito legal é un instrumento de carácter obrigatorio para os editores, os cales deben depositar un determinado número de exemplares da obra na Administración e, deste xeito, é posible ter coñecemento de toda a produción bibliográfica, sonora, visual, audiovisual e dixital dun país.
- O ISBN (International Standard Book Number) é un código numérico internacional que poden facer constar os editores nas súas publicacións. A súa finalidade é simplificar e facilitar as operacións estatísticas e comerciais entre libreiros e editores. Polo tanto, non garda relación coa protección dos dereitos de autor.
- O copyright © (art. 146 TRLPI) ten por obxecto informar quen é o titular ou cesionario en exclusiva dos dereitos de explotación sobre unha obra ou produción. Non require ningún tipo de trámite administrativo, a lei permite que a persoa física ou xurídica titular dos dereitos antepoña este símbolo ao seu nome con precisión do ano e lugar de divulgación daquelas, polo que o fai baixo a súa propia responsabilidade.
É posible efectuar solicitudes telemáticas?
Si, no caso de que se dispoña de certificado dixital e sempre e cando non haxa cesión de dereitos. As solicitudes telemáticas deben presentarse a través da páxina web do Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, na forma e cos requisitos que se establecen na mesma.
Unha vez concluídos os trámites da presentación, a solicitude envíase ao Rexistro Territorial competente, en función do domicilio da persoa que sexa autora e titular de dereitos sobre a obra.