Un dos obxectivos da Illa de San Simón é o fomento da memoria histórica a través de accións de investigación, análise e divulgación sobre a base do acontecido no arquipélago, que entre 1936 e 1943 foi convertido en cárcere de presos políticos e espazo de represión polo réxime da Ditadura de Franco.
Este tráxico pasado ten convertido a San Simón nun símbolo da dignificación das súas vítimas, e no máis axeitado escenario para traballar na recuperación da nosa historia e afortalar na nosa sociedade os valores democráticos e de respecto aos dereitos humanos e civís.