Aviso: Programa Firma e Filme para a promoción da adaptación audiovisual da Literatura galega
Programa Firma e Filme para a promoción da adaptación audiovisual da Literatura galega
O prazo de recepción de propostas remata o 18 de xuño
A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e, en colaboración coa Asociación de Produtoras Independentes (AGAPI) e coa Asociación Galega de Editoras (AGE), pon en marcha unha iniciativa dirixida a fomentar as sinerxías entre literatura galega e audiovisual, que leva por título FIRMA e FILME.
Son moitos os casos de éxito de obras galegas adaptadas ao cine ou á televisión, A lingua das bolboretas (Manuel Rivas), 13 badaladas (Suso de Toro), O bosque animado (Wenceslao Fernández Flórez) ou exemplos máis recentes como A praia dos afogados (Domingo Villar) ou A Esmorga (Eduardo Blanco Amor) demostran que o camiño común no que converxen literatura e audiovisual xa é un feito.
A iniciativa FIRMA e FILME pretende poñer en valor ambos eidos creativos, o das Letras e o das Imaxes, convocando a produtores e editores a participar nun proxecto conxunto que ten por fin estudar as posibilidades de adaptación de obras literarias galegas ao noso audiovisual.
Firma e Filme arranca coa compilación de información, tanto da oferta editorial como das necesidades e intereses das produtoras, para o que é preciso enviar a ficha de inscrición correspondente, debidamente cuberta, á direcciónaudiovisual.agadic@xunta.es, poñendo en asunto ‘Firma e Filme’.
O prazo de recepción remata o 18 de xuño.
Cos datos recibidos, porase en marcha unha fase de análise e informe coa finalidade de intercambiar impresións entre as partes interesadas cara á organización dunha axenda final de reunións bilaterais totalmente executivas, que terán lugar no marco da Feira das Industrias Culturais Culturgal (decembro 2015, Pazo da Cultura de Pontevedra).