Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020
Unha maneira de facer Europa
As actuacións de conservación da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural desenvolven a planificación estratéxica para a protección e a conservación do patrimonio cultural de Galicia, dentro da Estratexia Galicia 2015-2020 do Goberno galego. O Programa Operativo Galicia FEDER 2014-2020, no que se enmarcan algunhas destas intervencións, é unha estratexia rexional concertada para facer fronte aos principais retos do desenvolvemento económico de Galicia e para acelerar a converxencia coa Unión Europea. As actuacións que se cofinancian con este programa europeo están relacionadas co impulso da investigación e da innovación, das tecnoloxías da información e da comunicación, da competitividade das PEME, dunha economía baixa en carbono, da adaptación ao cambio climático e a prevención de riscos, a protección ambiental e a promoción da eficiencia de recursos, a promoción da inclusión social e a loita contra a pobreza e a discriminación, e o investimento en educación e en formación como prioridades estratéxicas.
Conservar e protexer: natureza e patrimonio
En particular, as actuacións da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, encádranse no Obxectivo Temático 6 do programa operativo “Conservar e protexer o medio ambiente e promover a eficiencia dos recursos”.
Unha multitude de elementos tradicionais arquitectónicos de gran valor patrimonial (camiños rurais, elementos arquitectónicos, restos de antigos asentamentos, conxuntos históricos, monumentos e conxuntos arqueolóxicos) están directamente relacionados co patrimonio natural.
É obrigado destacar a importancia crucial do Camiño de Santiago e das demais rutas culturais que lle outorgan a Galicia un tecido territorial de enorme valor. Restos históricos, vilas, cidades e a contorna natural privilexiada constitúen unha das principais fortalezas do territorio que o fan merecente da súa valorización por todas as vías posibles. As diferentes rutas do Camiño de Santiago —primeira Ruta Cultural Europea recoñecida pollo Consello de Europa en 1987 e incluída na Listaxe do Patrimonio Mundial Patrimonio pola UNESCO en 1993 (Camiño Francés) e 2015 (Camiño do Norte: ruta da costa e primitiva ou de Oviedo)— esténdense a través de case todo o territorio da Comunidade Autónoma, en especial nas zonas rurais. Son corredores estratéxicos de desenvolvemento económico e de recuperación do patrimonio; a súa actividade serve de apoio para a rexeneración da contorna e promoción do desenvolvemento sustentable.
Este obxectivo estratéxico do programa opertaivo, inclúe a conservación, a protección e o fomento e desenvolvemento do patrimonio natural e cultural. Para isto define os seguintes obxectivos:
OE.6.3.1 Promover a protección, o fomento e o desenvolvemento do patrimonio cultural
OE.6.3.2 Promover a protección, o desenvolvemento e a promoción das áreas naturais, en particular as de interese turístico.
No Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020 indícase que, para aclanzar estes obxectivos, un dos maiores atractivos ao longo de todo o territorio galego é o patrimonio cultural existente (tamén pola súa vinculación coa paisaxe que o rodea) que se manifesta mesmo en poboacións de moi escasa entidade. Na paisaxe galega atópanse unha multitude de elementos tradicionais arquitectónicos de gran valor patrimonial (camiños rurais, pontes, elementos arquitectónicos, patróns de antigos asentamentos etc.), ademais de elementos arquitectónicos de maior relevancia, bens de interese cultural, incluso declarados patrimonio da humanidade pola UNESCO como a torre de Hércules, a muralla de Lugo, a cidade de Santiago de Compostela ou o Camiño de Santiago.
Planificación das actuacións
Todo este patrimonio debe ser preservado e posto en valor con actuacións específicas ou integradas noutras de alcance transversal. O propósito perseguido coa programación de operacións neste obxectivo específico é a posta en valor dos recursos culturais e patrimoniais da rexión e preservar o patrimonio cultural material e inmaterial de Galicia. Para iso realizaranse actuacións, englobadas nalgún dos plans establecidos con carácter nacional ou autonómico, como o Plan de catedrais, Plan de arquitectura defensiva ou o Plan de abadías, mosteiros e conventos.
A planificación das actuacións ao abeiro da liña estratéxica deseñada para o período 2014-2020 responden pois ao seguinte obxectivo operativo: "Conservación, promoción e difusión dos museos, o patrimonio cultural edificado, os sitios, o territorio e a paisaxe de valor cultural". Este obxectivo desenvolverase nos seguintes:
- Conservación da arquitectura defensiva
- Conservación das pontes históricas galegas
- Conservación das catedrais galegas
- Conservación dos mosteiros, conventos, abadías, igrexas e patrimonio relixioso galego
- Conservación e posta en valor dos Camiños de Santiago
- Conservación dos bens do patrimonio cultural emerxente
- Conservación do patrimonio de valor histórico-artístico
- Conservación do patrimonio arqueolóxico
- Conservación e promoción dos museos e das súas coleccións
O indicador que medirá indirectamente esta posta en valor é: Viaxeiros que visitan Galicia por motivos culturais (% sobre o total).
Operación cofinanciada pola Unión Europea
Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020
Contribuír á conservación do medio ambiente e do patrimonio cultural
Unha maneira de facer Europa