Conservación e restauración da catedral de San Martiño de Ourense

Custo total da operación: 875.307,21 €

Axuda FEDER:  682.798,12 €

Obxectivo: aumentar o número de visitas previstas a lugares pertencentes ao patrimonio cultural.

Situación: Ourense

Temporización: Primeiro semestre 2016 - decembro 2021

 

Actuación:

A catedral de san Martiño é un elemento significativo do patrimonio cultural galego e español, situada no centro da cidade de Ourense, en pleno Casco Histórico. Foi declarada BIC con categoría de monumento polo Decreto de 03.06.1931 (GAC 04.06.1931).

Perséguese a conservación do ben e aumentar o seu atractivo cultural, potenciando o seu interese público e a súa función e significación como fito cultural relevante dun amplo territorio e do itinerario cultural histórico. Trátase dun edificio cun uso relixioso primixenio pero que tamén é recurso cultural e turístico.

O obxectivo da actuación é promover a protección deste ben e potenciar a súa utilización como recurso, espazo e obxecto cultural, para o cal é preciso procurar a conservación adecuada e sustentable do ben e preservalo para toda a humanidade.

A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural no ámbito das súas competencias de protección, conservación e investigación do patrimonio cultural de Galicia, promove esta actuación que inclúe a restauración da portada norte, a reforma xeral do sistema eléctrico, a restauración do enreixado da capela maior, a restauración da torre de san Martiño, a restauración das fachadas sur e occidental.

A proposta de intervención consiste en acometer as obras que permitan atallar os problemas máis graves que ten a día de hoxe o edificio.

A primeira actuación de urxencia que se está levando a cabo consiste en restaurar a portada norte xa que os elementos escultóricos de pedra da portada románica presentan un elevado grao de deterioro -en parte agravado polos usos do entorno urbano inmediato- que é preciso frear para garantir a súa conservación.

Por outra banda, cómpre renovar e dotar de seguridade a obsoleta instalación eléctrica. Tamén se revisarán os equipos de iluminación da capela maior para conseguir un consumo enerxético eficiente ao tempo que se define unha iluminación acorde ao culto e aos usos culturais que se prevén no templo xa que se incorporaron á visita os novos espazos restaurados nestes últimos anos como son a capela de san Xoán, o pórtico do Paraíso no nártex...

O estado de conservación do enreixado da capela maior é moi deficiente debido sobre todo a intervencións anteriores e a factores medioambientais. Presenta sucidade xeralizada, oxidación, corrosión e deformación dos metais, desprendemento e perda de policromía, repintes e perdas de volume. A restauración proposta consiste na limpeza e aplicación de tratamentos específicos que lle devolvan o seu esplendor.

Prevese nesta operación continuar tamén coa restauración das fachadas para rematar a actuación na envolvente do edificio. Tendo en conta que a orientación e patoloxía que presentan é específica para cada unha delas está previsto acometer os traballos por fases, que se corresponden coa torre de san Martiño, a portada sur e a fachada occidental.

Prevese tamén a dotación de recursos de apoio á visita e/ou exposición pública, a dotación de recursos culturais e os traballos de investigación precisos, coa finalidade de garantir a conservación e a protección do ben e a maior abundamento á súa promoción cultural.

 

Operación cofinanciada pola Unión Europea

Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020

Contribuír á conservación do medio ambiente e do patrimonio cultural

Unha maneira de facer Europa