O 17 de maio é a festa da lingua galega, unha celebración institucionalizada en 1963 pola Real Academia Galega (RAG) para honrar un autor ou unha autora polo seu labor de defensa e promoción do idioma e cultura de noso. Unha efeméride que foi acadando nos últimos anos grande amplitude, proxección e participación cidadá ata converterse nunha das citas máis importantes do calendario cultural galego.
Para 2022, a RAG, na súa sesión plenaria celebrada o 2 de xullo de 2021, tomou o acordo de lle render tributo e dedicarlle o Día das Letras Galegas 2022 a Florencio Delgado Gurriarán, escritor, editor literario e activista político e cultural do exilio galego en México. A decisión conta co apoio da Xunta de Galicia, de diferentes institucións culturais e de toda a cidadanía galega.
Florencio Delgado Gurriarán (Vilamartín de Valdeorras, 1903 - Fair Oaks, Estados Unidos, 1987)
Naceu en Córgomo, concello de Vilamartín de Valdeorras, en agosto de 1903. Desde pequeno, e con motivo do traballo do seu pai pasou por continuos traslados, vivindo en cidades como Ourense, Palencia ou Valladolid, retornando a Valdeorras en 1928. En México fundou a revista Vieiros, con Luís Soto e Carlos Velo, a Fundación do Padroado da Cultura Galega, a Irmandade Galeguista e o Ateneo de Galicia. A súa obra está recollida nos libros Bebedeira (1934), Galicia infinda (1963), Cantarenas. Poemas (1934-1980) (1981) e O soño do guieiro (1985). Encargouse da selección e tradución de poemas franceses incluídos en Poesía inglesa e francesa vertida ao galego (1949) e da tradución de Cemiterio mariño de Paul Valéry.