Custo total da operación: 1.000.000,00 €
Axuda FEDER: 782.400,00 €
Obxectivo: aumentar o número de visitas previstas a lugares pertencentes ao patrimonio cultural.
Situación: San Cristovo de Cea (Ourense)
Temporización: Primeiro semestre 2016 - xaneiro 2020
Actuación:
O mosteiro de santa María a Real de Oseira é un elemento significativo do patrimonio cultural galego e español, situado nunha zona rural do interior atravesada nas proximidades pola Vía da Prata, unha das rotas de peregrinación a Santiago de Compostela. Este mosteiro está declarado BIC.
Perséguese a conservación do ben e aumentar o seu atractivo cultural, potenciando o seu interese público e a súa función e significación como fito cultural relevante dun amplo territorio e do itinerario cultural histórico. Trátase dun edificio cun uso relixioso primixenio pero que tamén é recurso cultural e turístico.
O obxectivo da actuación é promover a protección deste ben e potenciar a súa utilización como recurso, espazo e obxecto cultural, para o cal é preciso procurar a conservación adecuada e sustentable do ben e preservalo para toda a humanidade.
A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural no ámbito das súas competencias de protección, conservación e investigación do patrimonio cultural de Galicia, promove esta actuación que inclúe a redacción do proxecto e dirección das obras, as obras de conservación e posta en valor no conxunto monumental do mosteiro de santa María a Real de Oseira e tamén a restauración de pinturas murais e retablos da cabeceira.
O proxecto define o estado actual de conservación do edificio, analiza de forma pormenorizada a súa patoloxía e determina os traballos de restauración que é preciso executar para poder conservar o conxunto monumental en axeitadas condicións de uso, en particular a igrexa conventual e os espazos de uso e/ou visita pública.
A proposta de intervención consiste, de xeito resumido, na eliminación das humidades que están danando o ben provocadas por filtracións a través da cuberta, dos muros ou por falta de ventilación.
A cuberta en peor estado é a que está entre o claustro dos Medallóns e o dos Pináculos que presenta filtracións continuas de auga que provocaron a deterioración das fábricas e portas históricas dos espazos situadas no nivel inferior. Reelaborarase a cuberta con novos elementos de cubrición. Tamén se inclúen actuacións varias na zona de portería, tenda e taller-almacén como son a dotación de novo mobiliario e a reposición da instalación eléctrica e iluminación entre outras.
Recóllense todos os traballos previos precisos como son: escavacións arqueolóxicas (segundo proxecto específico), protección de zonas especiais, desmontaxe de elementos en estado ruinoso ou obsoletos...
Está incluída a restauración de portas históricas de madeira (armario de sancristía, sancristía e entrada a claustro) así como a de elementos pétreos na fachada de Hospedería e na sala capitular, que presentan colonizacións de musgos e plantas, colonizacións biolóxicas, degradación, cristalizacións salinas, restos de encalados e perda de material de recheo de xuntas. Tamén se restaurarán as pinturas murais e retablos da cabeceira. Estes traballos estarán definidos nun proxecto específico de restauración.
Prevese tamén a dotación de recursos de apoio á visita e/ou exposición pública, a dotación de recursos culturais e os traballos de investigación precisos, coa finalidade de garantir a conservación e a protección do ben e a maior abundamento á súa promoción cultural.
Operación cofinanciada pola Unión Europea
Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020
Contribuír á conservación do medio ambiente e do patrimonio cultural
Unha maneira de facer Europa