Custo total da operación: 1.410.223,03 €
Axuda FEDER: 1.101.448,22 €
Obxectivo: Aumentar a superficie de edificios ou lugares pertencentes ao patrimonio cultural, de uso principal non turístico, rehabilitados ou mellorados
Situación: Mondoñedo (Lugo)
Temporización: Primeiro semestre 2016 - decembro 2020
Actuación:
A Catedral de Nosa Señora da Asunción de Mondoñedo é un elemento significativo do patrimonio cultural galego e español, situada dentro do conxunto histórico do casco antigo da cidade de Mondoñedo e atravesado polo Camiño do Norte (Camiño Costeiro), unha das rotas de peregrinación a Santiago de Compostela. A casa dos cóengos forma parte tamén do conxunto catedralicio xunto co pazo episcopal, a horta e a propia catedral que está declarada BIC.
Perséguese a conservación do ben e aumentar o seu atractivo cultural, potenciando o seu interese público e a súa función e significación como fito cultural relevante dun amplo territorio e do itinerario cultural histórico. Trátase dun edificio cun uso relixioso primixenio pero que tamén é recurso cultural e turístico.
O obxectivo da actuación é promover a protección deste ben e potenciar a súa utilización como recurso, espazo e obxecto cultural, para o cal é preciso procurar a conservación adecuada e sustentable do ben e preservalo para toda a humanidade.
A Dirección Xeral do Patrimonio Cultural no ámbito das súas competencias de protección, conservación e investigación do patrimonio cultural de Galicia, promove esta actuación que inclúe a restauración da cuberta da catedral e claustro, a restauración de pinturas murais da cabeceira e a restauración da casa dos cóengos.
A catedral e o claustro da catedral teñen problemas de filtración de auga derivados do deterioro das cubertas e daqueles elementos construtivos relacionados coa protección contra a choiva e a condución e evacuación de augas pluviais. En concreto os principais problemas atópanse nas cubertas de lousa das naves da catedral, cubertas de lousa do corredor do claustro e os sistemas de canlóns e baixantes a eles asociados.
A intervención na catedral consiste, de xeito resumido, na reparación das cubertas (incluso canlóns e baixantes), drenaxes, limpeza e restauración dos paramentos de forma puntual e consolidacións necesarias. Esta obra complementa as obras urxentes xa executadas no ano 2016 que paralizaron a entrada de auga en zonas puntuais da cuberta. Destacar a restauración das pinturas murais da cabeceira que será executada por persoal restaurador especialista e que se poderá facer unha vez que se elimine a entrada de auga en xeral que provoca a súa deterioración.
A casa dos cóengos presenta unha patoloxía importante nas fachadas e elementos estruturais que é preciso atallar para recuperar o uso das distintas dependencias. Así executarase un reforzo da estrutura portante de madeira con substitución das pezas inservibles. Tamén se inclúen traballos de saneado de fachadas, reparación de carpinterías e substitución da instalación eléctrica.
Prevese tamén a dotación de recursos de apoio á visita e/ou exposición pública, a dotación de recursos culturais e os traballos de investigación precisos, coa finalidade de garantir a conservación e a protección do ben e a maior abundamento á súa promoción cultural.
Operación cofinanciada pola Unión Europea
Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020
Contribuír á conservación do medio ambiente e do patrimonio cultural
Unha maneira de facer Europa