O Hub Audiovisual da Industria Cultural é un programa de apoio sen precedentes no ámbito da cultura galega, que a Xunta puxo en marcha na segunda metade de 2021 para contribuír a acelerar a recuperación e a garantir a estabilidade dos profesionais do sector. Cóntase para tal fin co financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) dentro do Eixo REACT-UE, que supón unha inxección de 9,6 millóns de euros durante o período 2021-2023.
Ao abeiro do Hub estanse a desenvolver diferentes liñas de traballo, deseñadas conxuntamente coas principais asociacións representativas do sector, para reforzar a posición de Galicia como un referente competitivo global en toda a cadea de valor da industria cultural e creativa. Destacan, entre elas, as diferentes medidas pensadas especificamente para o audiovisual, como as convocatorias do fondo para a atracción de rodaxes, as axudas para o desenvolvemento de futuros proxectos de cinema e televisión, tanto de xeito agrupado como individual, ou a plataforma Galicia Film Commission.
Ao tempo, os videoxogos e a música contan coas súas propias liñas de subvencións, mentres que o conxunto da industria é obxecto dunha iniciativa transversal para a dotación de equipamentos e activos que fomenten a innovación e a competitividade.