Aviso: Aberto o prazo para a participación na sección do concurso da Mostra de Cine Etnográfico Museo do Pobo Galego
Aberto o prazo para a participación na sección do concurso da Mostra de Cine Etnográfico Museo do Pobo Galego
O Museo do Pobo Galego organiza a Mostra de Cine Etnográfico que se celebra en Santiago de Compostela no mes de xuño.
CONDICIÓNS XERAIS
O Museo do Pobo Galego aclara que entende o cinema etnográfico nun sentido amplo, referido a aquelas producións que teñan, como intención primordial, mostrar aspectos relacionados coas distintas realidades socioculturais e os xeitos de vivir e de entender a vida no seo dunha comunidade.
Abrangue filmes que teñan como foco principal ás persoas, aos grupos sociais ou a procesos históricos relevantes relacionados coa antropoloxía e a etnografía. Serán valorados como criterios de relevancia a importancia das cuestións sociais abordadas, a calidade técnica e o sentido estético, a innovación tanto no temático como na maneira de comunicalo, e a relevancia científica.
Para concorrer a esta Mostra, as obras presentadas deberán ter sido producidas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2014.
A duración dos traballos presentados non poderá exceder os 90 minutos. Os e as autoras e as produtoras poderán presentar un máximo de dúas obras. As producións realizadas en Galicia deberán estar en lingua galega ou, no seu defecto, subtituladas neste idioma.
As realizadas fóra de Galicia poderán estar en calquera idioma sempre que inclúan subtítulos en galego ou castelán. Quedan fóra de admisión os traballos proxectados na Mostra en anteriores edicións e aqueles cuxas persoas responsables estean involucradas na organización, así como os que teñan un carácter turístico ou publicitario.
O prazo de presentación de inscricións finalizará o 7 de abril de 2016.
A inscrición poderase facer a través de la plataforma www.clickforfestivals.com