Aviso: Modificación da delimitación da eira e conxunto de hórreos de Mundín (Maside) no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia
Modificación da delimitación da eira e conxunto de hórreos de Mundín (Maside) no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia
O día 24 de agosto de 2016, a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural resolveu incoar o procedemento para incluír como lugar de valor etnolóxico a eira e o conxunto de hórreos de Mundín, na parroquia de Garabás, no termo municipal de Maside (Ourense), no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia, consonte a descrición que figuraba no seu anexo I e a delimitación e contorno de protección recollidos nos seus anexos II e III.
No seu punto segundo resolvíase abrir un período de exposición pública, durante o cal foron presentadas dúas alegacións. Do seu informe, realizado pola Subdirección Xeral de Protección do Patrimonio Cultural, dedúcese de forma clara e inequívoca que se produciu un erro na definición gráfica dos límites da eira de hórreos. Cómpre, polo tanto, modificar a delimitación do conxunto no referido á determinación dos límites da eira de mallar e abrir un período de información pública, ao supoñer unha modificación relevante do recollido na incoación.