Aviso: Incóase o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia dun fito miriamétrico en Agüeira, Becerreá

Incóase o procedemento de inclusión no Catálogo do patrimonio cultural de Galicia dun fito miriamétrico en Agüeira, Becerreá

O pasado 28 de abril de 2017 un particular solicitou a protección dun fito miriamétrico sito no lugar de Agüeira, na parroquia de San Xoán de Agüeira, no concello de Becerreá (Lugo), tendo en conta que os fitos miriamétricos son tipos específicos de sinais, situados cada 10 quilómetros nas distintas vías de comunicación nos que se indicaba a distancia aos lugares de destino. Posteriormente, o 5 de maio, os servizos técnicos da Xefatura Territorial da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria de Lugo, informaron sobre a relevancia e significación do achado, concluíndo que o fito miriamétrico é un elemento de interese histórico, digno da conservación, destacando que este ben está situado na marxe esquerda da antiga estrada Nacional VI en dirección Lugo, con forma prismática e remate curvo superior e unha base máis ancha a modo de plinto, por riba desta a sección é cadrada. Ademais, presenta varias inscricións que refiren a distancia que existe tanto a Madrid coma León e Lugo.

Este ben é probablemente de finais do século XIX ou principios do XX e a súa localización na citada Nacional VI denota a importancia desta vía que seguiría, con poucas variacións, o trazado do Camiño Real e no que aparecen outros bens incluídos no Catálogo.

Comparte