Aviso: Incoación do procedemento de declaración de BIC do Campamento romano e mansio viaria de Aquis Querquennis
Incoación do procedemento de declaración de BIC do Campamento romano e mansio viaria de Aquis Querquennis
Incoación do procedemento para declarar ben de interese cultural, coa categoría de zona arqueolóxica o Campamento romano e mansio viaria de Aquis Querquennis, sito no lugar de Porto Quintela, na parroquia de San Xoán de Baños, no termo municipal de Bande (Ourense).
Este xacemento ten un indubidable valor histórico e arqueolóxico e, dentro dos existentes en toda Península Ibérica, é o máis extensamente escavado, investigado, monumentalizado e posto en valor entre os do seu xénero, ademais de ser un dos únicos campamentos militares romanos permanentes coñecidos en Galicia, xunto co de Cidadela (Sobrado dos Monxes).
Está situado na ribeira dereita do río Limia, no fondo do val, a unha beira do actual encoro das Conchas, e estreitamente vinculado coa Vía Romana XVIII do Itinerario Antonino, que comunicaba os conventos xurídicos de Bracara Augusta e Asturica Augusta, e como lugar de asentamento permanente dunha unidade militar para actuar, cara a finais do século I d.C., como base de operacións para a construción da referida vía de comunicación. Os datos resultantes das investigacións semellan indicar que tivo unha curta ocupación que non iría alén do primeiro terzo do século II d. C. Probablemente, a unidade militar que albergou foi unha cohorte (480 soldados) vinculada á Legio VII Gemina con sé na antiga León.
As escavacións das que foi obxecto deron como resultado a obtención de moita información sobre a estrutura arquetípica deste tipo de asentamentos militares.