Aviso: Declaración BIC Colexio do Cardeal de Monforte
Declaración BIC Colexio do Cardeal de Monforte
O inmoble é un dos expoñentes máis significativos da arquitectura do clasicismo herreriano en Galicia
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, visitou o venres 12 de xaneiro o Colexio do Cardeal de Monforte para presentar o proxecto de conservación e rehabilitación que a Xunta de Galicia se levará a cabo na igrexa, claustro e áreas de visita pública grazas a un investimento de 420.000€. Trátase dos primeiros traballos que se realizan tras a súa declaración como Ben de Interese Cultural (BIC), un recoñecemento que xa foi publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG).
Singularidade da Nosa Señora da Antiga
O Colexio de Nosa Señora da Antiga, tamén coñecido, entre outras denominacións, como Colexio do Cardeal ou Colexio da Compañía, é un dos expoñentes máis significativos da arquitectura do clasicismo herreriano en Galicia. O inmoble amosa dunha forma tan clara e convincente as regras compositivas, formais e decorativas deste estilo que supuxo, en diversas ocasións, a súas adscrición errónea ao propio Juan de Herrera.
Entre os espazos sobranceiros, ademais da excepcional fachada que preside o Campo da Compañía, debe citarse a igrexa e os seus retablos, así como a cúpula que cubre o cruceiro, a escaleira monumental e os seus claustros. Na mesma liña, cómpre destacar tamén a importancia e valor cultural do seu museo e o rico patrimonio moble senlleiro que alberga, no que se poden atopar obras de artistas como El Greco, Andrea del Sarto ou Francisco Pacheco, ou documentos e patrimonio bibliográfico dos séculos XV e XVI relacionados cos mecenas do colexio, a Casa de Lemos e, posteriormente, a de Alba.