Aviso: Mellora das axudas a curtametraxes, obras audiovisuais dirixidas por mulleres ou rodadas integramente en galego
Mellora das axudas a curtametraxes, obras audiovisuais dirixidas por mulleres ou rodadas integramente en galego
Tamén se aplicará para os traballos dirixidos por profesionais con discapacidade, os de dirección novel ou os documentais, entre outros
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o mércores 14 de abril unha modificación das bases das subvencións da Xunta a producións e coproducións audiovisuais de contido cultural galego, dotadas con 2,5 millóns de euros, segundo a que se aumentan as porcentaxes máximas de axuda que poden recibir as curtametraxes, as películas rodadas integramente en galego, as realizadas por mulleres, as de dirección novel cun orzamento non superior a 1,5 millóns de euros, as dirixidas por profesionais cunha discapacidade recoñecida de porcentaxe igual ou superior ao 33%, os documentais cinematográficos ou os traballos de animación cun orzamento máximo de 2,5 millóns de euros. No marco do Plan de Reactivación da Cultura da Xunta, esta medida aplícase de maneira urxente para intensificar o apoio nesta serie de casos concretos, adaptándose así á posibilidade aberta polo novo regulamento estatal de desenvolvemento da Lei do Cine.
Trátase de fitas que, polas súas especiais características, son definidas a nivel europeo como obras difíciles canto ao seu financiamento, realización e distribución. Esta modificación permitiralles financiar con estas axudas entre un 75% e un 85% do seu importe subvencionable, fronte ao límite legal anterior do 50%. Ademais, para as coproducidas con países iberoamericanos este máximo elévase agora ao 60%, porcentaxe que ata o momento só era de aplicación no caso das coproducións transfronteirizas no seo da Unión Europea.
Xunto con esta modificación, ábrese un prazo complementario dun mes para a adaptación daquelas solicitudes xa presentadas no período inicial, pechadas o pasado 15 de febreiro, así como para a admisión de novos proxectos que encaixen nas novas categorías tipificadas na resolución publicada.