Axudas, subvencións e bolsas : Convocatoria das subvencións para a actualización das coleccións da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia 2018

Convocatoria das subvencións para a actualización das coleccións da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia 2018

Establecemento das bases reguladoras e convocatoria para 2018 de dúas liñas de subvencións dirixidas ás bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas de titularidade municipal, integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia; unha para a adquisición de novidades editoriais en galego en formato físico e a outra para a mellora das coleccións bibliográficas.

As subvencións para a adquisición de novidades editoriais ten como finalidade que as bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas teñan ao dispor dos seus usuarios e usuarias as ditas novidades en galego no momento da súa entrada no mercado, mediante un proceso de compra de libros en formato físico a cargo das entidades locais en función da demanda das súas bibliotecas e/ou axencias de lectura que cumpran os requisitos establecidos nesta orde. Unha vez adxudicada a subvención en libros por un valor económico que se establece segundo os parámetros da poboación a que atende cada servizo bibliotecario público municipal, este poderá seleccionar os títulos incluídos nunha plataforma electrónica na cal incorporarán as súas novidades editoriais todas as empresas editoras que publiquen en galego, que tamén serán as encargadas da distribución directa de cada libro solicitado desde a editorial a cada entidade beneficiaria.

A segunda liña de axudas dirixidas á mellora das coleccións bibliográficas, das bibliotecas e/ou axencias de lectura públicas ten como finalidade actualizar as coleccións, de xeito que lles permita aos técnicos bibliotecarios municipais contar cunha maior marxe para planificar as adquisicións de novidades e melloras para as coleccións das bibliotecas e, así, incrementar a oferta e o servizo ás persoas usuarias, atendendo, de forma especial ás campañas de verán e Nadal, nas cales se incrementa a demanda deste servizo de xeito exponencial.

 

Beneficiarios

1. Poderán ser beneficiarias desta subvención todas as entidades locais de Galicia que:

a) Sexan titulares de bibliotecas ou axencias de lectura pública integradas na Rede de bibliotecas públicas de Galicia.

b) Estean ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e que non teñan pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma, segundo o establecido no artigo 10 da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia, e no artigo 11 do Decreto 11/2009, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, de subvencións de Galicia.

c) Teñan cumprido o establecido no artigo 4.1 do Decreto 193/2011, do 6 de outubro, polo que se regulan especialidades nas subvencións ás entidades locais galegas.

2. Tamén poderá ser beneficiaria destas axudas a agrupación de concellos para a prestación de servizos bibliotecarios comúns. A dita agrupación deberá estar debidamente acreditada, e os concellos integrantes da agrupación deberán cumprir, individualmente, os requisitos establecidos na presente orde.

3. Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas entidades locais que estean nalgún dos supostos previstos nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Estado de tramite: Resolto

Comparte