Axudas, subvencións e bolsas : Subvencións ás galerías de arte para a participación en feiras e mercados de arte fóra de Galicia
Subvencións ás galerías de arte para a participación en feiras e mercados de arte fóra de Galicia
A cuantía da axuda increméntase ata os 85.000€
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o 28 de xullo de 2020 a orde pola que se establecen as bases para apoiar ás galerías de arte na súa participación en feiras e mercados de arte fóra da Comunidade galega. Trátase dunha medida que se enmarca no Plan de reactivación para os sectores cultural e turístico da Xunta de Galicia que este ano incrementa en 50.000 euros a súa dotación ata chegar aos 85.000 euros ¬e da que se poderán beneficiar os profesionais que asistiron a este tipo de eventos na etapa anterior ao covid-19 ou que o farán nos vindeiros meses.
Este é o segundo ano que se convoca unha liña de subvencións específica para este tipo de proxección, o que amosa por unha banda o apoio a arte contemporánea a través do traballo das galerías de arte, e pola outra, o compromiso coa internacionalización da proxección exterior da cultura galega. Así, tal e como recolle o DOG, no caso de que a asistencia sexa a feiras celebradas en España, pero fóra de Galicia, os beneficiarios recibirán un máximo de 4.000 euros, o que supón o dobre que o establecido na orde do pasado exercicio. As subvencións tamén se incrementan no caso de que os profesionais asistan a eventos internacionais pasando dos 4.000 euros máximos fixados en 2019 aos 6.000 que poden recibir nesta edición.
O prazo para a presentación de solicitudes será dun mes contado a partir de hoxe e poderán ser beneficiarias da subvención as persoas dedicadas á actividade de produción e distribución de bens ou servizos culturais de carácter privado, titulares de galerías de arte, que desenvolvan as súas actividades no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia, que teñan asistido e participado nunha feira ou mercado de arte fóra da Comunidade entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro.
Estado de tramite: En trámite