Axudas, subvencións e bolsas : Convocatoria para a promoción e difusión do audiovisual galego en festivais e mostras nacionais e internacionais
Convocatoria para a promoción e difusión do audiovisual galego en festivais e mostras nacionais e internacionais
En réxime de concorrencia non competitiva
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou o venres 16 de outubro a convocatoria anual de subvencións para a promoción e difusión do audiovisual galego en festivais e mostras nacionais e internacionais, a través das que Consellería de Cultura, Educación e Universidade contribúe con 40.000 euros ás campañas de promoción dos filmes galegos seleccionados nalgúns dos máis destacados certames do circuíto mundial.
Como en anos anteriores, a Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) convoca estas axudas en réxime de concorrencia non competitiva, de xeito que se adxudicarán por orde de entrada no rexistro a todas aquelas solicitudes que cumpran os requisitos e se presenten ata o 16 de novembro ou ata o esgotamento da partida orzamentaria reservada para elas.
Gastos de publicidade e difusión
A Xunta cofinancia, entre outros gastos, as campañas de publicidade, a elaboración e o transporte do material de promoción específico, a contratación de empresas de relacións públicas ou axentes de prensa para a difusión dos filmes nas mostras, o desprazamento e a estadía no festival dun máximo de cinco persoas do equipo, e a tiraxe e/ou subtitulado das copias. Búscase así contribuír a poñer en valor o traballo dos produtores e creadores, así como a situar Galicia no mapa cinematográfico internacional.
A través desta liña de apoio, en 2019 a Consellería de Cultura colaborou economicamente coas campañas de promoción dunha decena de traballos con produción galega ao seu paso por algúns dos principais certames do circuíto mundial. Entre elas, por exemplo, as premiadas 'O que arde', de Oliver Laxe, en Cannes, San Sebastián, Chicago, Nova York e Hainan (China); 'Longa noite', de Eloy Enciso, en Locarno e Toronto; 'A media voz', de Matriuska Producciones, en Ámsterdam, ou a estrea de 'Arima', de Jaione Camborda, no Festival de Cine de Sevilla.
Estado de tramite: En trámite