Axudas, subvencións e bolsas : Convocatoria de bolsas de formación en materia de museos
Convocatoria de bolsas de formación en materia de museos
Publicación da Orde do 2 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan bolsas de formación en materia de museos correspondentes ao programa 2022 (código de procedemento CT110B)
DOG Núm. 243 Martes, 21 de decembro de 2021 Páx. 63025
CONSELLERÍA DE CULTURA, EDUCACIÓN E UNIVERSIDADE
EXTRACTO da Orde do 2 de decembro de 2021 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan bolsas de formación en materia de museos correspondentes ao programa 2022 (código de procedemento CT110B).
BDNS (Identif.): 600795.
De conformidade co previsto nos artigos 17.3.b) e 20.8.a) da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, publícase o extracto da convocatoria cuxo texto completo se pode consultar na Base de datos nacional de subvencións (http://www.pap.minhap.gob.es/bdnstrans/index).
Primeiro. Persoas beneficiarias
Poderán ser beneficiarias destas bolsas as persoas que cumpran os seguintes requisitos:
1. Dispoñer da seguinte titulación:
a) No caso de persoas solicitantes de bolsas de formación en museos, ter grao universitario ou equivalente, segundo o Espazo europeo de educación superior, cunha configuración curricular (expediente académico) na que se acredite un mínimo de 75 créditos nestas materias para cada unha das especialidades seguintes:
1º. Historia da arte.
2º. Arqueoloxía.
Para a especialidade de Arqueoloxía, para o cómputo dos 75 créditos, teranse en conta as materias de arqueoloxía, historia antiga e medieval, prehistoria, epigrafía e numismática, paleografía e diplomática, métodos e técnicas de investigación, tendencias historiográficas e similares ou a realización de másteres ou cursos de especialización relacionados coa arqueoloxía cun mínimo de 30 créditos ECTS ou de 750 horas lectivas.
b) No caso de persoas solicitantes de bolsas de formación en restauración de fondos de museos, ter grao ou diplomatura universitaria en conservación e restauración de bens culturais ou equivalente, nas especialidades de:
1º. Arqueoloxía.
2º. Pintura ou escultura.
2. Acreditar dominio da lingua galega, nivel iniciación, mediante certificación oficial ou certificado Celga 3.
3. Non desfrutar, con anterioridade á publicación desta convocatoria de bolsas, dun período de tempo igual ou superior a doce (12) meses destas mesmas bolsas, nin renunciar a elas sen unha causa de forza maior, ao xuízo da Secretaría Xeral de Cultura, logo de iniciado o período de vixencia.
4. Non ter emprego remunerado nin desfrutar doutra bolsa ou axuda durante o período de duración das reguladas por medio desta orde.
5. Non ter sido sancionado/a por infracción cometida durante o desfrute dunha bolsa concedida para a formación en materia de museos.
6. Cada solicitante só poderá presentar unha solicitude de bolsa para unha especialidade, como máximo.
Segundo. Obxecto e finalidade
1. Por medio da presente orde establécense as bases reguladoras do procedemento CT110B Bolsas de formación en materia de museos e procédese á convocatoria para o ano 2022 en centros museísticos que formen parte do Sistema galego de centros museísticos.
2. O persoal bolseiro realizará a súa actividade nos centros indicados anteriormente e nos servizos centrais da Consellería de Cultura, Educación e Universidade. Serán tutelados, dirixidos e coordenados polos servizos técnicos da Secretaría Xeral de Cultura.
3. As bolsas reguladas nesta orde concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, concorrencia, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.
4. A formación comprende unha parte teórica e unha parte práctica que será impartida por persoal técnico da Secretaría Xeral de Cultura.
Terceiro. Financiamento e contía das axudas
1. O número de bolsas convocadas será de vinte (20), que se adxudicarán de acordo co baremo indicado no artigo 10 desta convocatoria. Das vinte (20) bolsas convocadas, farase unha reserva de cinco (5) bolsas destinadas exclusivamente ás persoas graduadas ou con titulación equivalente que rematasen os estudos no curso 2016/17 ou posteriores. No caso de quedar deserta a reserva de praza nalgunha das especialidades, acudirase á listaxe na modalidade xeral da especialidade correspondente.
2. As bolsas terán unha duración de 6 meses, contados a partir da data de incorporación que estableza a Secretaría Xeral de Cultura da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, de acordo co centro de destino.
3. As bolsas convócanse con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.432A.480.2 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022, por un importe total de cento catorce mil euros (114.000,00 €).
En cumprimento do Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social, destinaranse, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social, seis mil euros (6.000,00 €) con cargo á aplicación orzamentaria 10.40.432A.484.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2022.
4. O importe bruto de cada bolsa será de cinco mil setecentos euros (5.700,00 €).
5. As bolsas poderán ser prorrogadas automaticamente ata outros 6 meses en función da existencia de crédito suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para os anos 2022 e 2023.
Cuarto. Prazo de presentación de solicitudes
O prazo de presentación das solicitudes será dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte e se no mes de vencemento non houber día equivalente ao inicial do cómputo, entenderase que o prazo expira o último día do mes. En todo caso, sempre estarán excluídos do cómputo os sábados, domingos e os declarados festivos.
Santiago de Compostela, 2 de decembro de 2021
O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade
P.D. (Orde do 9.2.2021)
Manuel Vila López
Secretario xeral técnico da Consellería de Cultura, Educación e Universidade
Estado de tramite: Resolto