Dinamización: PREMIOS DA CULTURA GALEGA 2015
PREMIOS DA CULTURA GALEGA 2015
Recoñecemento colectivo á creatividade e ao traballo cultural
A escritora Fina Casalderrey, o debuxante Miguelanxo Prado, a actriz María Bouzas, o cineasta Ignacio Vilar, o Real Coro Toxos e Froles, a Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística, a Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial, e a investigadora Kathleen Nora March son os galardoados dos Premios da Cultura Galega 2015.
Este recoñecemento colectivo á traxectoria e á calidade do traballo de persoas e entidades a prol do desenvolvemento cultural foron creados co obxecto apoiar a excelencia creativa, a capacidade de intercambio, a experimentación e a proxección da construción cultural de Galicia nos ámbitos das Letras, Artes Plásticas, Artes Escénicas, Música, Audiovisual, Lingua, Patrimonio Cultural e Proxección Exterior.
Nesta edición de 2015, o xurado destes premios -presidido polo conselleiro de Cultura e Educación, Román Rodríguez, e conformado por representantes das principais institucións culturais e por distintos profesionais deste ámbito- decidiu, entre máis de 40 candidaturas, premiar a:
Fina Calderrey. A modalidade de Letras recaeu nunha autora cunha traxectoria profesional vinculada á literatura infantil e xuvenil e que conta xa con importantes recoñecementos, entre os que destacan o Premio Merlín, o Barco de Vapor, o Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil ou o Álvaro Cunqueiro. Tamén foi recoñecida coa Medalla Castelao en 2003.
Miguelanxo Prado. No ámbito das artes plásticas, o xurado decidiu recoñecer o autor máis importante da historia da banda deseñada galega, pai do Xabarín e do Salón de Viñetas desde o Atlántico, e autor de obras xa clásicas como Trazo de xiz ou a máis recente Ardalén.
María Bouzas. O premio das artes escénicas recaeu nesta edición nunha das actrices galegas de maior experiencia e traxectoria profesional, tanto no teatro como televisión. Precisamente, neste último medio é onde logrou maior popularidade, tamén fóra de Galicia.
Coro Toxos e Froles. O coro recibe o recoñecemento do xurado na modalidade de Música no ano no que celebra o seu centenario. Ao longo da súa ampla traxectoria xa foi distinguido coa Medalla de Ouro de Galicia e a Medalla de Ouro Marcial del Adalid da Real Academia Galega de Belas Artes.
Ignacio Vilar. O premio da modalidade de Audiovisual recíbeo nesta edición o director de filmes de éxito rodados en lingua galega como Pradolongo (2007), Vilamor (2011) e A esmorga (2014). Esta última obtivo unha excelente acollida de público e crítica, logrou estrearse no resto de España e bater o récord de carteleira de 12 semanas.
Coordinadora Galega de Equipos de Normalización e Dinamización Lingüística. Esta entidade creada en 2009 coa intención de coordinar actividades e experiencias, iniciativas e propostas relacionadas coa lingua galega resultou a elixida polos membros do xurado polo seu labor a prol da promoción da lingua galega como parte do noso patrimonio cultural e da nosa identidade.
Federación Galega pola Cultura Marítima e Fluvial. O seu importante traballo desde 1993 para a recuperación de embarcacións e tipoloxías tradicionais, de realización de investigacións no eido patrimonial costeiro e marítimo valeulle este ano a distinción na modalidade de Patrimonio Cultural.
Kathleen Nora March . A filóloga norteamericana, pioneira na investigación da cultura galega e dos estudos galegos no mundo universitario dos Estados Unidos, recibe o premio de Proxección Exterior pola súa infatigable traxectoria de difusión e defensa da lingua galega no ámbito internacional.
O xurado 2015
Xunto co titular de Cultura e Educación, Román Rodríguez, formaron parte do xurado o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; o xerente do Consello da Cultura Galega, Marcelino Fernández Santiago, en representación do presidente deste organismo; Henrique Monteagudo e Manuel Quintana Martelo en representación da Real Academia Galega e da de Belas Artes, respectivamente; Carmen Prieto Ramos, directora do Arquivo do Reino de Galicia; Carlos Ares Pérez, presidente da Academia Galega do Audiovisual; a galerista Asunta Rodríguez; e a intérprete Rosa Cedrón. Actuou como secretaria Cristina Fabeiro, subdirectora xeral de Xestión e Coordinación Cultural.
A Cidade da Cultura de Galicia acolleu o 21 de decembro a gala de entrega dos galardóns. Botádelle unha ollada a galería de imaxes da gala!