Dinamización: UNHA VIAXE POLO CEO DA CIDADE DA CULTURA
UNHA VIAXE POLO CEO DA CIDADE DA CULTURA
Á descuberta das estrelas nas visitas astronómicas do Gaiás
Os gregos empregaban o ceo para debuxar e inmortalizar as súas historias. Ao chegar a noitiña, sinalaban cara ás estrelas e agrupábanas, dándolles formas dos que se converterían nos heroes da mitoloxía clásica e nas actuais constelacións occidentais. A mesma experiencia, desde o monte Gaiás, ofrecéna as noites deste verán na Cidade da Cultura.
O Observatorio Astronómico Ramón María Aller da USC organiza todos os venres, ata o 19 de setembro, as Visitas astronómicas, que contará coa cita especial do 12 de agosto da noite das Perseidas para observar as coñecidas bágoas de san Lourenzo. Todas estas sesións forman parte do programa da Cidade da Cultura Verán no Gaiás!
A cara leste do Gaiás está libre da contaminación lumínica do centro de Santiago de Compostela e presenta a escuridade necesaria para, cando chega a noite e apagadas as luces do aparcadoiro, poder gozar da cara oculta da Cidade da Cultura.
Os participantes, axudados de planisferios (mapas das estrelas), telescopios e as amenas explicacións dos técnicos do Observatorio Pedro Pablo Campo e José Ramón González, localizan no ceo a Osa maior, a Casiopea, a Pegaso, a Perseo, a Andrómena, a Coroa boreal... e escoitan con entusiasmo –como facían os nosos antepasados nas noites sen radio, televisión ou internet– os fantásticos relatos da mitoloxía grega que deron orixe á nomenclatura destas constelacións.
Marte e Saturno
Este percorrido polo ceo do Gaiás permitirá descubrir, sen necesidade de telescopio, que observando en dirección suroeste, preto do horizonte, o que semella unha estrela brillante alaranxada, non é tal: trátase de Marte. Do mesmo xeito, o corpo celeste á súa esquerda, a de cor branca de menor intensidade é, en realidade, Saturno.
Na que foi a primeira visita astronómica deste verán, os astrónomos abraiaron os asistentes, a maioría familias con cativos, con esta localización dos planetas, xunto con outros datos que foron partillando ao longo da sesión. Algúns deles curiosos como que, de poñernos a contar, serían unhas 6.000 as estrelas que se poden divisar no ceo compostelán e, outros, desmitificadores: as estrelas fugaces ás que lles encomendamos os nosos desexos son simplemente croios.
Plan B para as noites encapotadas ou de chuvia
Os pequenos e pequenas son fieis a esta cita, precisa o profesor Docobo, que amosa o seu agrado por que sexan os que máis preguntan e alongan as dúas horas de sesión, que rematan pasadas a media noite ou unha da madrugada, segundo a data. As súas ganas de saber non entenden de límites horarios nin meteorolóxicos, tal e como demostraron na Visita astronómica inaugural do pasado 4 de xullo, na que a chuvisca obrigou a pór en marcha o plan B para estes casos: un impresionante planisferio virtual do ceo de Santiago dentro das instalacións da Cidade da Cultura.
As Visitas astronómicas non poden garantir noites despexadas, pero os asistentes poden dar por seguro que, chova ou non, o ceo de Gaiás abrirá para eles un entretido, fermoso e estrelado libro ilustrado.