Dinamización: MINIATURAS DE EUGENIO GRANELL: MÚSICA REVELADA

MINIATURAS DE EUGENIO GRANELL: MÚSICA REVELADA

Descubrindo a faceta musical do mestre surrealista

Duascentas anotacións musicais de Eugenio Granell son a base do proxecto "Miniaturas de Eugenio Granell: música revelada", un libro-disco que ve a luz no marco do centenario do nacemento do artista e que nos permite mergullarnos na súa dimensión creativa a través da linguaxe musical.

Ler máis

Coincidindo coa conmemoración este ano do centenario do nacemento de Eugenio Granell, a Consellería de Cultura e Educación, en colaboración con aCentral Folque e a Fundación Granell, promove a difusión da obra do artista a través dun proxecto que saca a luz unha faceta ata agora descoñecida do surrealista galego: a súa dimensión como músico.

Coñecido universalmente pola súa obra plástica, recoñecido tamén polos seus traballos como escritor, cineasta e dramaturgo, Granell compuxo melodías nas que se recoñece a inspiración das formas populares da música galega, ademais de ideas propias do seu universo creativo.

O proxecto, dirixido por Ramom Pinheiro, nace precisamente do achado dalgunhas desas melodías inéditas do propio artista, nunca divulgadas ata agora e que se atopaban en cadernos depositados nos fondos do arquivo da Fundación Granell.

Materiais

"Miniaturas de Eugenio Granell. Música revelada" inclúe tres traballos publicados co apoio da Secretaría Xeral de Cultura: a publicación dun libro con duascentas anotacións musicais de Granell, un estudo sobre a dimensión musical do artista a cargo de Sonsoles Hernández e un disco gravado baixo a dirección do pianista cubano Alejandro Vargas –premio Cubadisco de Jazz–, xunto cun elenco de músicos escollidos dando vida ás anotacións musicais do artista surrealista.

Concerto na Cidade da Cultura

O concerto de presentación do disco terá lugar o domingo 2 de decembro, ás 19:00 horas, no auditorio do Centro de Innovación Cultural (CINC) da Cidade da Cultura de Galicia, en Santiago de Compostela.

O concerto coincide coa clausura da exposición O Encontro na poética de Eugenio Granell, mostra que se exhibe na Cidade da Cultura desde o 19 de xuño e que forma parte dos actos de homenaxe polo centenario do artista galego.

Comparte