Dinamización: PREMIOS DA CULTURA GALEGA 2012

PREMIOS DA CULTURA GALEGA 2012

Recoñecemento á excelencia creativa e á difusión cultural

Recoñecer o labor de persoas e institucións que traballan nos distintos ámbitos da creación, da conservación e da posta en valor do patrimonio cultural, así como da actualización e difusión do capital creativo galego é o obxectivo principal dos Premios da Cultura Galega.

Na edición de 2012, o xurado dos premios, reunido o 19 de decembro na Cidade da Cultura de Galicia, outorgou sete galardóns á excelencia creativa e á difusión cultural, dotados con cadansúa escultura realizada polo artista ourensán Xosé Cid.

Estes son os galardoados cos PREMIOS DA CULTURA GALEGA 2012:

Ler máis

- Premio Cultura Galega das Letras
SALVADOR GARCÍA BODAÑO
A calidade da súa obra literaria sitúao como un dos máis destacados poetas vivos da xeración dos 50, ademais da súa activa participación en diversas iniciativas culturais.

- Premio Cultura Galega das Artes Plásticas
MANUEL QUINTANA MARTELO
Foi distinguido pola calidade da súa obra e compromiso coa pintura, así como pola súa implicación en diversos proxectos culturais para ampliar a presenza das artes plásticas galegas. O artista formou parte de Atlántica e expuxo en prestixiosos museos e galería de diversos países.

- Premio Cultura Galega das Artes Escénicas
GRUPO DE TEATRO AIRIÑOS DE RIANXO
O grupo de teatro Airiños, de Rianxo, vén desenvolvendo un importante labor no ámbito das artes escénicas desde a súa creación, no ano 1933, que o converte no máis lonxevo de Galicia. Así, ao longo de catro xeracións, esta iniciativa veciñal vén sendo protagonista da construción dunha creatividade escénica de raíz popular desde o ámbito local.

- Premio Cultura Galega ás iniciativas en prol do Patrimonio Cultural
FUNDACIÓN EDUARDO PONDAL
A entidade leva a cabo unha ampla e constante programación participativa arredor das letras galegas, desenvolvida coa implicación de entidades, axentes culturais e veciños da terra natal do escritor que lle dá nome á fundación.

- Premio Cultura Galega á Promoción Cultural de Galicia
ASOCIACIÓN INTERNACIONAL DE ESTUDOS GALEGOS
Creada na década de 1980 na costa leste dos Estados Unidos, a Asociación Internacional de Estudos Galegos nace co obxectivo de difundir por todo o mundo a cultura e a lingua galegas. Desde entón, a AIEG impulsa e desenvolve o seu labor, principalmente, no terreo académico e universitario.

- Premio Cultura Galega de Música
MANUEL RODEIRO
Compositor, crítico, xestor e pedagogo, Manuel Rodeiro impulsou un labor de referencia na creación sonora contemporánea. Dirixiu o departamento de Música do Centro Galego de Arte Contemporánea, foi fundador da editorial musical Música Nueva e do conxunto instrumental Cámara XXI.

- Premio Cultura Galega de Creación Audiovisual
MIGUEL ANXO FERNÁNDEZ
Miguel Anxo Fernández é crítico audiovisual, escritor e autor de numerosas publicacións de temática cinematográfica. Na súa ampla traxectoria vinculada ao audiovisual, foi impulsor de numerosas iniciativas destinadas á promoción do cine galego.

Documentos relacionados

Comparte