Dinamización: ROBERTO VIDAL BOLAÑO
ROBERTO VIDAL BOLAÑO
Programación das Letras Galegas 2013
Por vez primeira, a Real Academia Galega decidiu dedicarlle en 2013 o Día das Letras Galegas a un autor enteiramente entregado ao teatro: Roberto Vidal Bolaño. Para contribuír a difundir a súa obra e favorecer a participación cidadá na celebración do 17 de maio, a Xunta de Galicia propón ao longo deste ano múltiples actividades. Espectáculos teatrais, novas edicións, concursos escolares e exposicións son algunhas das propostas que teñen a obra e a figura de Vidal Bolaño como protagonistas.
Un referente do teatro galego
Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950 – 2002) é unha figura imprescindible para comprender a dimensión do teatro galego. O dramaturgo compostelán, que viviu pegado aos escenarios, consagrou a súa vida profesional á práctica escénica en galego e a unha extensa creación literaria centrada no xénero dramático.
'O xogadeiro', a súa primeira peza teatral, marca o inicio dunha traxectoria da que xurdirán unha manchea de obras desde o seu papel de dramaturgo, de director e tamén de actor. Nesa dedicación ao teatro, a súa paixón polo cine tamén estará sempre presente e levarao a participar en diversas producións audiovisuais, como guionista e, sobre todo, como actor.
'Días sen gloria' (1992), Premio Rafael Dieste e finalista do Premio Nacional de Literatura; 'Rastros', estreada en 1998; 'Doentes', Premio Rafael Dieste en 1997; 'Anxeliños' (1997), 'Criaturas' (2000), 'A burla do galo' (2000) e 'Mar revolto' (2001) son só só algúns exemplos do prolífico labor desenvolvido por RVB, que o converte nun referente indiscutible do teatro galego.
PROPOSTAS PARA SE ACHEGAR Á OBRA DE RVB
Vidal Bolaño nas táboas
A escena, o espazo natural de Vidal Bolaño, é a protagonista da programación que a Xunta de Galicia lle dedica ao autor. Durante o 2013, máis de 100 representacións teatrais (entre produción propia, coprodución e teatro universitario) levarán a obra do dramaturgo ás principais vilas e cidades de Galicia.
Así, por primeira vez, o Centro Dramático Galego dedicará toda a súa actividade anual de 2013 á obra deste autor, cun cobizoso programa no que integra tamén a colaboración con compañías privadas: 'Días sen gloria', producida polo Centro Dramático Galego (CDG) baixo a dirección de Fefa Noia; 'Criaturas', de Teatro do Aquí e coproducida polo CDG; e 'BailadELAS. Seis mulleres bolañesas', de Teatro Antroido e tamén coproducida polo CDG.
Ademais, o CDG tamén pon en marcha en homenaxe ao dramaturgo compostelán. Premio Roberto Vidal Bolaño ao Espectador.
'Touporrouto da lúa e do sol', de Teatro do Noroeste e a Escola Superior de Arte Dramática (ESAD) de Galicia é a proposta teatral para os máis novos, mentres que o ámbito do teatro universitario participará nas celebracións do 17 de maio coa representación das pezas 'Animaliños', 'A burla do galo' e o espectáculo 'Vidal Bolaño 2013'.
Vidal Bolaño en pantalla
Entre a programación para achegarse á obra de Vidal Bolaño a través das gravacións das súas representacións históricas inclúese o ciclo 'Vidal Bolaño recuperado: citas audiovisuais' e a proxección do filme 'Doentes', de Gustavo Balza, sobre o texto homónimo de Vidal Bolaño.
Exposición itinerante
De maio a decembro percorrerá Galicia unha exposición itinerante para difundir a obra de Vidal Bolaño. A mostra, desenvolvida pola Asociación Roberto Vidal Bolaño coa colaboración da Xunta, ofrece unha panorámica da extensa obra do dramaturgo a través das imaxes dos seus espectáculos, dos seus personaxes e dos seus textos.
Novas edicións
Este ano tamén verán a luz edicións especiais como 'Un chapeu negro e un nariz vermello', da Editorial Galaxia. Edicións Positivas publicará as 'Obras completas' do dramaturgo e o texto dramático 'Doentes'. Ademais, a colección Cadernos Ramón Piñeiro dedicaralle un número á andaina creativa de RVB.
Actividades nas bibliotecas de Galicia
A Biblioteca de Galicia e as bibliotecas nodais súmanse á celebración do Día das Letras Galegas con diversas actividades ao longo do mes de maio. A Cidade da Cultura propón unha intervención de Manuel Manquiña sobre textos do dramaturgo, mentres que as bibliotecas nodais ofrecen actividades para todos os públicos (exposicións bibliográficas, guías de lectura, obradoiros etc.) nos centros da Coruña, Santiago de Compostela, Lugo, Ourense, Pontevedra e Vigo.
Celebracións nos centros de ensino
Vidal Bolaño tamén chegará está presente nos centros de ensino a través de diversas iniciativas. Un concurso-exposición de carteis, actividades promovidas polos equipos de dinamización da lingua galega, a 'Festa da Lingua da Federación de Relixiosos do Ensino de Galicia, actos diversos en 38 universidades de fóra de Galicia, unha aplicación no espazo Abalar para saber máis sobre a obra de RVB e unha unidade diáctica sobre 'Días sen gloria' son algunhas das propostas que chegarán ao ámbito educativo.
Máis información sobre Roberto Vidal Bolaño e o Día das Letras Galegas
- Real Academia Galega
- Web de Roberto Vidal Bolaño
- Canle temática audiovisual sobre RVB na CRTVG