Patrimonio: AO ABRIGO MUSICAL DO PATRIMONIO
AO ABRIGO MUSICAL DO PATRIMONIO
Volve no outono Espazos Sonoros para a descuberta de novos sons, bens artísticos e naturais
Espazos Sonoros volve no outono para a descuberta de novos sons, bens artísticos e naturais nunha oitava edición na que artistas procedentes de varios países e culturas comparten cartel cunha representación do noso mellor talento artístico.
A igrexa gótica de San Nicolao de Cis, o refectorio do mosteiro de Oseira, o Centro Galego de Arte Contemporánea, o colexio de Nosa Señora da Antiga de Monforte, Santa María de Aciveiro en Forcarei ou a igrexa de Santa Liberata de Baiona son algunhas dos valiosos espazos do noso patrimonio cultural que abrigarán as propostas musicais deste ano.
Nestes bens artísticos descubriremos como resoan neles a vibración das cordas dunha kora africana, a recreación dunha canción antiga a capela, o ecoar das tubaxes dun órgano histórico ou o bordón tradicional dunha zanfona en clave contemporánea galega.
Boa parte da proposta destes concertos compleméntase con rutas, visitas guiadas, roldas e xornadas para achegarse á rica contorna natural destes bens patrimoniais. Deste xeito, ábrese tamén unha canle para o turismo cultural de calidade na entrada do outono, unha boa motivación para percorrer os recunchos de Galicia na procura da música, da descuberta do patrimonio e do encontro coa natureza.
Filgueira Valverde e Xan Tilve
A oitava edición Espazos Sonoros coincide coa dedicación das Letras Galegas 2015 a Xosé Filgueira Valverde. Por este motivo, a xornada de clausura xirará ao redor na gravación histórica que o vello profesor auspiciara en 1947, da Marcha do Corpus, tocada polo gaiteiro de Campañó, Xan Tilve, e comentada ao vivo polo propio Filgueira.
Mais iso será o 28 de outubro, ata entón, hai unha morea de actividades e concertos para deixarvos sorprender, unha vez máis, polas fermosas propostas de Espazos Sonoros!
Toda a programación pode ser consultada na Axenda de www.cultura.gal: www.cultura.gal/gl/ciclo/676